Nova: A Xunta abre este venres o ‘Serán’04’ cun festival que reúne no escenario a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, De Ninghures, Tres Pesos e Xosé Lois Romero & Aliboria

18/06/2025

A Xunta abre este venres o ‘Serán’04’ cun festival que reúne no escenario a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, De Ninghures, Tres Pesos e Xosé Lois Romero & Aliboria

O IV Encontro Galego de Cultura Popular congrega esta fin de semana na Cidade da Cultura a todo o sector da música e o baile tradicional cun programa que inclúe concertos, feira, masterclasses profesionais ou unha exposición de traxe tradicional

O ‘Serán’04’ arrinca este venres 20 de xuño a partir das 16,00 horas e este ano inclúe como novidade destacada un gran festival folk a partir das 21,00 horas 

Ao longo dos tres días milleiros de persoas daranse cita no Gaiás para festexar a nosa música e baile tradicional

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia converte esta fin de semana o Gaiás en epicentro da nosa cultura popular, música e baile tradicional coa cuarta edición do Serán, que dá comezo o venres 20 de xuño e inclúe un gran festival folk que reunirá sobre o escenario algúns dos nomes máis destacados do ‘tradi’ actual:  Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, De Ninghures, Tres Pesos e Xosé Lois Romero & Aliboria. Os interludios entre as bandas correrán ao cargo da agrupación Os Enxebres de San Lázaro. 

Previamente a este festival folk, que dará comezo ás 21,00 horas do venres na praza central da Cidade da Cultura, o evento arrincará xa a partir das 16,00 horas cun intenso programa de actuacións, masterclasses profesionais de baile, canto, gaita ou pandeireta, unha exposición de traxe tradicional ou unha feira sectorial. 

No recinto feiral do Museo Centro Gaiás poderanse visitar preto de 40 stands de artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, luthiers, asociacións e federacións, organización de festivais, etc. O espazo acollerá tamén a exposición de traxe tradicional O Sarillo, de Yeray Paz Souto, unha selecta mostra que inclúe tanto pezas antigas como reproducións fidedignas de traxes tradicionais de diferentes comarcas de Galicia. A exposición recolle traxes de colección propia e tamén de colaboradores como Alberto Golpe, o Museo das Mariñas de Betanzos, o Grupo Etnográfico das Mariñas ou o Real Coro Toxos e Froles, entre outros. A través das achegas destes e outras entidades, a mostra enriquece a visión da diversidade cultural e social que Galicia atesoura.

O programa do Serán’04 inclúe tamén 15 masterclasses profesionais impartidas polo profesorado especializado en música e baile máis destacado do momento, con nomes como Olga Kirk, Luis Prego, Serxio Cobos, María Vida, Xosé Lois Romero, Montse Rivera ou Felisa Segade, entre outros moitos. Destacan ademais contidos formativos novidosos como unha clase de iniciación á pandeireta para persoas con discapacidade ou unha de bordado co modisto e especialista en traxe tradicional, Álex Regueiro.

17.000 asistentes en tres edicións previas

Ao longo da fin de semana, agárdase que milleiros de persoas asistan a este IV Encontro de Cultura Popular, que rematará o domingo 22 de xuño cunha exhibición de baile tradicional ao cargo de oito destacadas agrupacións de Galicia: Tequexetéldere (A Estrada), Aturuxo (A Coruña), Aturuxo (A Coruña), Lembranzas da Ría (Cangas), Arume de Caión (Laracha), Traspés (Vigo), Buxainas (Cedeira), Son D’Aquí (A Coruña), e Saíñas (Xove).

Nas súas tres edicións previas, celebradas tamén na Cidade da Cultura, o Serán congregou máis de 17.000 asistentes. Nesta cuarta entrega, e coincidindo coa celebración do Día Europeo da Música e o arranque da programación do verán no Gaiás, o Serán volve despregar un intenso programa, completamente gratuíto e para todo tipo de público.

Comparte