Nova: Ángel Miramontes anuncia que a Xunta licitará as obras no ciborio interior e a iluminación da Catedral de Ourense nos vindeiros meses

17/06/2025
Ángel Miramontes anuncia que a Xunta licitará as obras no ciborio interior e a iluminación da Catedral de Ourense nos vindeiros meses
As actuacións impulsadas polo Goberno galego contan cun orzamento de máis de 380.000€ para a restauración e conservación dos paramentos e das renovacións das luminarias e os pavimentos
As obras enmárcanse dentro do Plan Catedrais Galicia 2021 – 2027 dotado con 38 M€ e que prevé un investimento de preto de 7 M€ neste templo
Ourense, 17 de xuño de 2025
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, visitou hoxe a Catedral de San Martiño de Ourense, onde anunciou que nos vindeiros meses a Xunta licitará as obras para intervir na restauración e conservación no ciborio interior e a iluminación cun investimento previsto de 381.621 euros.
Así, tal e como explicou o director xeral na súa visita, durante o ano 2022 estudáronse os danos que estaban a afectar ao ciborio da catedral derivados da filtración de auga e decidiuse acometer a obra en dúas fases: a do ciborio exterior e fachada sur que xa está rematada, e contou cunha achega de 705.774,22 euros cofinanciada con Fondos Feder 2014 – 2020, e a do ciborio interior que nuns meses se licitará e que conta co apoio do Goberno galego cun orzamento de máis de 380.000 euros.
No caso concreto destes traballos, actuarase nos paramentos do ciborio con tarefas de saneado e limpeza. Estas inclúen a eliminación das xuntas deterioradas e o seu posterior rexuntado, a reparación de gretas, a fixación de desprendementos e a consolidación e reintegración en zonas concretas. Ademais está prevista a revisión e o control estrutural do interior das bóvedas, a mellora da toma de terra do pararraios e a substitución do pavimento da zona do altar.
No tocante ás melloras de iluminación, tamén previstas nesta licitación que anunciou hoxe o director xeral, levarase a cabo unha reordenación do cableado existente e a instalación de iluminación ornamental no interior do ciborio en base ao estudo luminoso realizado.
Estas actuacións permiten completar as tarefas de restauración do ciborio e da fachada sur e occidental, así como completar tamén o estudo de cubertas e sistemas de canles de evacuación de augas pluviais e conexións coa rede de saneamento, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude levou a cabo desde o ano 2009 e para as que a Xunta de Galicia destinou máis de 3 millóns de euros.
Neste senso, Ángel Miramontes puxo en valor que a Catedral de Ourense é “unha das xoias da Vía da Prata e está declarada Ben de Interese Cultural, polo que é especialmente importante o noso compromiso para reforzar e revalorizar o seu papel”. Para conseguilo, tal e como lembrou, a Xunta de Galicia tomou como punto de partida o “esforzo colectivo feito na Catedral de Santiago” para crear o Plan Catedrais Galicia 2021-2027, a folla de ruta dotada con 38M€ para garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade, entre os que se atopa esta Catedral de San Martiño de Ourense, cheguen á celebración do vindeiro Ano Santo de 2027 nas mellores condicións.
No caso concreto de Ourense, a Administración autonómica prevé un investimento de preto de 7M€ para levar a cabo cerca dunha decena de actuacións no arquivo, a fachada, a reixería ou o museo.