Nova: O XXI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova analizará a proxección internacional do sector galego co apoio da Xunta

17/06/2025
O XXI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova analizará a proxección internacional do sector galego co apoio da Xunta
A matrícula para participar nesta iniciativa pedagóxica, promovida pola Fundación Carlos Casares, permanecerá aberta ata este xoves 19 de xuño
Os equipos de ‘A moza que abortou e o contou’, ‘Pringadas’, ‘Aillados’, ‘San Simón’, ‘Xustiza artificial’, ‘El secreto del orfebre’, ‘Casa en flames’ e ‘Sin el’ compartirán co alumnado diferentes aspectos dos procesos creativos e de produción
Ourense, 17 de xuño de 2025
O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova chega este verán á súa 21ª edición cun programa que analizará a proxección internacional do sector e afondará nos distintos procesos creativos e de produción cinematográfica a través das experiencias compartidas entre alumnado e equipos de webseries, curtas e longametraxes, tanto galegas como estatais. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude volve colaborar nesta iniciativa formativa, que se desenvolverá no Auditorio Municipal Ilduara da localidade ourensá do 23 ao 27 de xuño baixo a organización da Fundación Carlos Casares xunto coa Universidade de Vigo.
Baixo o subtítulo Traspasando fronteiras, esta nova entrega do curso abordará o proceso de consolidación do ecosistema audiovisual galego, o seu equilibrio industrial e creativo e os pasos que se están a tomar para a súa normalización a través de exemplos de filmes xa estreados ou en proceso cara á súa próxima chegada ás pantallas, moitos deles con subvención da Xunta de Galicia.
O pulso do audiovisual galego de primeira man
Así o indicou o director Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen participou hoxe na presentación do programa, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, acompañando a Paulino Pérez Feijoo, codirector do curso xunto a Miguel Anxo Fernández, e os representantes das entidades e institucións implicadas. Sutil puxo en valor o traballo que a Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo veñen desenvolvendo desde hai máis de 20 anos con esta aposta pedagóxica na que o alumnado ten a oportunidade de coñecer de primeira man o pulso do noso audiovisual xunto cos equipos responsables das producións seleccionadas para o programa.
“Superadas dúas décadas de celebración, o Curso de Medios Audiovisuais de Celanova é xa parte viva da historia do audiovisual galego, por canto supuxo e achegou, ao longo dos vinte últimos anos, no impulso e debate construtivo do sector. Este encontro, que foi absolutamente pioneiro nos seus inicios, tanto polas súas temáticas como pola súa estrutura de favorecer a relación teórica e práctica entre profesionais e estudantes, continúa a ser un foro autorizado e relevante para o debate e o intercambio de experiencias e coñecementos”, expresou. Tamén explicou que os valores do curso poden comprobarse polos nomes das persoas que foron alumnado e hoxe xa están incorporadas ao mercado laboral “e polas reflexións dos seus coloquios, sempre benvidas para nos axudar a atinar as políticas públicas de apoio ao sector”.
Encontros teóricos e rodaxe práctica
Nesta videira edición, tratarase o formato webserie a través de dúas das máis exitosas producións do momento: A moza que abortou e o contou, da que falarán as súas directoras Eire Cid e Rosalía Quiroga; e Pringadas, que se analizará da man de Belén Puime e Bea Villar, directora e responsable de produción, respectivamente. Para abordar o traballo aínda en proceso do filme San Simón, acudirán o director, Miguel Ángel Delgado e a directora de produción, Analía G. Alonso. Tamén participará Antonio Caeiro, director do documental Aillados, sobre a mesma temática arredor do campo de concentración franquista na illa de San Simón. Por parte do equipo de Xustiza Artificial participarán o director e guionista, Simón Casal, e a produtora, Chelo Loureiro, mentres o filme El secreto del orfebre será analizado pola súa directora, Olga Osorio. Así mesmo, figuran no programa as producións catalás Casa en flames, que achegarán a produtora Ana Eiras e a foquista Sarai Sánchez e Sin él, que contará co seu guionista e director, Emilio Martínez-Borso, e a directora de fotografía, María Muñoz.
Ademais, haberá espazo para unha máster class sobre dirección actoral impartida pola actriz Raquel Meleiro e o actor Tony Karra; unha sesión dedicada aos efectos especiais, a partir da experiencia de Pablo Lamosa, do estudio Cormorán VXF; e unha mesa sobre a localización de rodaxes na que participarán profesionais do sector e representantes das oficinas das film commissions de Santiago de Compostela, Vigo e Rías Baixas.
Inclúese, por décimo sexto ano consecutivo, o taller Celanova, plató de ficción, baixo a dirección de Paulino Pérez Feijoo, que ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado. Na última xornada do curso presentarase a curtametraxe Lobelia, da directora Laura Barriga, produción resultante do obradoiro da pasada edición.
Desde a súa creación en 2004 pasaron polas aulas do CeMAC máis de 1000 persoas matriculadas e 400 profesionais e docentes, e proxectouse un centenar de filmes e pezas audiovisuais.