Nova: A Xunta incentiva as rodaxes audiovisuais en Galicia coa convocatoria de 2,2 M€ en axudas

16/06/2025
A Xunta incentiva as rodaxes audiovisuais en Galicia coa convocatoria de 2,2 M€ en axudas
Increméntase nun 10% a dotación deste fondo autonómico para a promoción da nosa Comunidade como escenario para producións de cinema e televisión
Os proxectos deberán garantir cando menos 20 días laborables de filmación en localidades galegas, cun gasto mínimo de entre 1M€ para as produtoras de aquí e de 1,5M€ para as foráneas
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia reforza o seu fondo para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade, que incrementa nun 10% a dotación da súa convocatoria de axudas respecto ao ano anterior para alcanzar os 2,2 millóns de euros en 2025. Con esta contía, incentivarase a filmación na nosa Comunidade de novas longametraxes e series de ficción tanto por parte de produtoras galegas como do resto de España e Europa.
Cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, esta liña de apoio ten tamén como finalidade o fomento da cadea de valor do audiovisual galego, favorecendo un crecemento sostible e emprego de calidade.
Así, segundo as bases publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, os importes de ata 350.000 euros que poderán recibir as empresas beneficiarias implicarán obrigatoriamente un gasto mínimo en Galicia de 1.000.000 euros para longametraxes e de 1.300.000 euros para series no caso das produtoras galegas, e de 1.500.000 euros no das foráneas. Ademais, os proxectos apoiados deben desenvolver un mínimo de 20 días laborables de rodaxe en localizacións galegas e destinar cando menos un 40% do seu orzamento subvencionable a gastos de persoal, tamén realizados en Galicia.
Prazo de solicitude
Poden optar a estas subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, propostas de longametraxes e de series de ficción, neste último caso sempre que conten con temporadas previas cun mínimo de 150 minutos de emisión. O prazo de solicitude estará aberto na sede electrónica da Xunta entre o vindeiro luns 23 e o 1 de outubro ou, no seu caso, ata o esgotamento dos 2.200.000 euros consignados.
O mantemento e reforzo do fondo autonómico para a captación de rodaxes fundaméntase na repercusión das seis rodaxes subvencionadas en 2024, que implicaron un retorno económico de 21,6 M€ e máis de 647 empregos, en cómputo anual equivalente a tempo completo. Obtiveron apoio ese ano as longametraxes Romería, que Carla Simón estreou na recente edición do festival de Cannes (Francia); Rondallas, a nova película de Daniel Sánchez Arévalo; Dímelo bajito, producida por Vaca Films para Prime Video e con Denis Rovira na dirección, e Me has robado el corazón, da directora Chus Gutiérrez e presentada pola AIE homónima, así como a serie Marusía de CTV e a nova temporada de Clanes, tamén con Vaca na produción.
Segundo os datos recompilados especificamente por un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, por cada euro investido nestes seis títulos a través deste fondo de axudas xeráronse 12 euros na actividade económica da nosa Comunidade.
A de rodaxes é a oitava das nove convocatorias previstas este ano como parte do programa de subvencións ao sector audiovisual, que suporán un investimento directo no sector de 6,84 millóns de euros para acompañar os proxectos cinematográficos ou televisivos desde o mesmo xermolo da idea ata a súa chegada ás pantallas.