Nova: A Xunta licita as obras de restauración da igrexa de San Pedro en Melide por máis de 600.000 €

16/06/2025
A Xunta licita as obras de restauración da igrexa de San Pedro en Melide por máis de 600.000 €
O proxecto responde á necesidade de resolver distintas patoloxías como a entrada de auga por diversos puntos do edificio ou os problemas de estabilidade dos muros
A actuación encádrase no convenio asinado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Diocese de Lugo e conta coa financiación de Fondos Feder
Con esta intervención, desde o Goberno galego continuase a garantir a protección e conservación dos bens patrimoniais, especialmente nas rutas xacobeas
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia acaba de licitar por máis de 600.000€ as obras de restauración da igrexa de San Pedro, en Melide, destinadas a solventar diversas patoloxías que provocan o deterioro deste ben protexido, como é a entrada de auga polas fachadas, a cuberta e as fiestras, e os problemas de estabilidade dos muros.
Así, a actuación centrarase en substituír o antigo sistema de atirantado de ferro do templo, deteriorado pola corrosión, por outro novo de aceiro inoxidable, ademais de cambiar o material da cuberta e arranxar os encontros cos elementos verticais. Por outra banda, afianzarase a seguridade das fábricas e dotarase de estanquidade aos muros e á torre mediante morteiros de cal tradicional.
A intervención contempla tamén a restauración e substitución dos elementos da carpintería exterior danados ou inexistentes, a rehabilitación das bóvedas, en particular a do presbiterio, e das revocaduras do interior da nave.
Deste xeito, a realización da obra, cunha duración prevista de cinco meses, responde ao compromiso do Goberno galego coa protección e conservación dos bens patrimoniais, especialmente co fin de garantir o mellor estado daqueles monumentos que se atopan nas rutas xacobeas, como é o caso de igrexa de San Pedro, localizada ao abeiro do Camiño Francés.
Este proxecto encádrase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Diocese de Lugo para acometer distintas actuacións de conservación e restauración de inmobles eclesiásticos, e que conta coa financiación do 60% do Programa Galicia Feder 2021-2027.