Nova: A Xunta aborda coa Asociación Galega de Deseño a organización dunha nova edición do seu foro bienal

14/06/2025
A Xunta aborda coa Asociación Galega de Deseño a organización dunha nova edición do seu foro bienal
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuníronse con Raquel Boo e Paula Cantero, presidenta e secretaria, respectivamente, da DAG-Asociación Galega de Deseño, para concretar a colaboración da Xunta da Galicia co Foro de Edición e Deseño, organizado cada dous anos polo colectivo que agrupa máis de 80 profesionais de deseño gráfico, web, editorial, industrial e estratéxico.
A cita, que naceu 2013 co apoio do Goberno galego, celebrará a súa sétima edición no mes de novembro en Santiago de Compostela con seminarios, conferencias, mesas redondas e presentacións de proxectos para afondar nos seus obxectivos de asentar un espazo para compartir experiencias e propiciar a reflexión e o debate no sector, así como para satisfacer a demanda de formación continua no ámbito do deseño dun xeito multidisciplinar.