Nova: A Xunta supervisa o resultado das obras de rehabilitación da igrexa de Santa María de Azougue en Betanzos que contaron cun apoio da Xunta de 450.000 euros

13/06/2025
A Xunta supervisa o resultado das obras de rehabilitación da igrexa de Santa María de Azougue en Betanzos que contaron cun apoio da Xunta de 450.000 euros
A delegada da Xunta e o director xeral de Patrimonio Cultural comprobaron o resultado desta actuación nunha igrexa protexida ao ter consideración de ben de interese cultural
Este proxecto dá continuidade a outras intervencións, levadas a cabo entre os anos 2021 e 2023, no retablo que tamén contaron cunha achega do Goberno galego de ao redor de 75.500 euros, o que eleva o investimento da Xunta nesta igrexa a máis de 525.000 euros
Betanzos (A Coruña), 13 de xuño de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao co director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, supervisaron o resultado final dos traballos que se executaron de renovación da cuberta e da sancristía da igrexa do Santa María de Azougue, realizadas grazas a un apoio do Goberno galego de case 450.000 euros.
Tal e como explicou a delegada, este proxecto dá continuidade a outras intervencións, levadas a cabo entre os anos 2021 e 2023, no retablo que tamén contaron cunha achega do Goberno galego de ao redor de 75.500 euros, o que eleva o investimento da Xunta nesta igrexa a máis de 525.000 euros.
Durante a visita, os representantes da Xunta destacaron a importancia desta actuación para preservar e poñer en valor o patrimonio histórico e artístico de Galicia, así como o compromiso da Administración autonómica coa conservación do legado cultural e relixioso dos concellos galegos.
Nesta liña, apuntou que “esta intervención encádrase no compromiso do Goberno galego coa conservación patrimonial neste Concello, somos a administración máis comprometida coa conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais en Betanzos”.
Intervencións
A igrexa de Santa María de Azougue, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), edificouse entre a segunda metade do século XIV e a primeira metade de século XV, e é un dos principais expoñentes do gótico en Galicia e un símbolo do rico patrimonio de Betanzos.
As intervencións acometidas permitiron corrixir patoloxías estruturais, mellorar a cuberta e recuperar elementos arquitectónicos e ornamentais de gran valor histórico, garantindo así a conservación da igrexa e a súa adecuación para o uso relixioso e para visitas públicas.
A delegada da Xunta explicou que o traballos que se levaron a cabo permitiron resolver os problemas de entrada da auga na sancristía, eliminar as humidades no teito e nos paramentos verticais. Para iso executouse a substitución das cubertas do templo, a sancristía e o acceso ao campanario. No caso da cuberta de acceso ao campanario, substituíronse tamén as viguetas, táboas e rastreis de madeira de castiñeiro.
A obra tamén contemplou a limpeza das fachadas do templo, incluíndo a eliminación da vexetación, limpeza manual dos paramentos e os elementos arquitectónicos e rexuntado con morteiro de cal naquelas zonas onde foi necesarios e o das xuntas das carpinterías e se colocaron vidros nas ventás que faltan.
Tamén se levou a cabo a colocación dun babeiro na cabeza do resalte do muro sur e a impermeabilización na espadana-campanario cobre. Ademais, na cuberta, que é transitable, polos problemas de humidade realizouse un trasdosado interior ventilado cun canle para a auga que se poida filtrar. Tamén se impermeabilizou a azotea.
Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, asinou unha addenda ao convenio de colaboración coa Diocese de Santiago de Compostela para poñer ao dispor os terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa.