Nova: A Xunta adxudica a 25 entidades locais e privadas as axudas para actualizar e difundir os fondos dos museos

13/06/2025

A Xunta adxudica a 25 entidades locais e privadas as axudas para actualizar e difundir os fondos dos museos

O crédito total que destina o Goberno galego a estas subvencións ascende ata os 200.000 euros

A resolución publicada no Diario Oficial de Galicia diríxese a concellos e entidades sen fin de lucro titulares de museos, coleccións ou centros de interpretación

Os interesados reciben ata 10.000€ para inventariar, catalogar e documentar os fondos, así como para adquirir novo equipamento

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2025.- O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución de axudas para actualizar e difundir os fondos dos museos que, nesta convocatoria, inclúen un total de 12 entidades locais e 13 privadas sen fin de lucro galegas, o que fan un total de 25 adxudicatarias, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación, inscritas no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia.

A través desta orde, a Xunta de Galicia destina 200.000 euros para actualizar e difundir os fondos dos museos, así como para facilitar as tarefas de conservación, investigación e difusión. Apoiarase a creación ou renovación das páxinas web dos centros, así como a xeración de coñecemento mediante traballos de investigación, edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas, así como a innovación na xestión do plan de difusión de comunicación dos centros museísticos.

Esta liña de axudas, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dará ás entidades beneficiarias unha achega máxima de 10.000 euros por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80% do investimento total aprobado. Con elas, sufragaranse actividades dirixidas a inventariar catalogar e documentar os fondos da colección permanente así como, para a adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos. Tamén se apoiarán as accións que sirvan para actualizar a exposición permanente e organizar mostras temporais, deseñar e ofrecer actividades didácticas e de difusión acordes coa súa temática e ámbito de actuación.

As doce entidades locais beneficiarias son, na provincia da Coruña, os concellos de Laxe, Fene, A Pobra do Caramiñal, Betanzos e A Coruña; en Lugo Burela; en Ourense Parada de Sil e Vilar de Santos e na de Pontevedra Ponteareas, Baiona, Vilanova de Arousa e Valga.

No eido privado e sen fin de lucro as adxudicatarias son a Fundación María José Jove, o Museo do Videoxogo de Galicia, a Fundación Benéfico Docente Fernando Blanco, a Fundación Catedral de Santiago de Compostela e a Fundación Rosalía de Castro. Ademais tamén se inclúen as asociacións Mares de Cedeira, Amigos do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria, o Padroado Museo Etnográfico da Capela, as dioceses Tui-Vigo e Mondoñedo-Ferrol, o Convento da Purísima Concepción de Monforte de Lemos o Museo Comarcal de A Fonsagrada e o Centro Recreativo Cultural e Deportivo de Baamonde.

Con esta liña de axudas, que poñen en valor a inclusión de actividades para promover a igualdade no acceso á cultura de colectivos en risco de exclusión social e teñen en conta tamén o número de habitantes, dando prioridade aos concellos cunha densidade de poboación máis baixa, o Goberno galego dá continuidade ao traballo posto en marcha coa aprobación, o ano pasado, da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, así como tamén ao compromiso co impulso dos museos galegos tras a aprobación, en 2021, da Lei de Museos de Galicia coa que se está a mellorar a coordinación das políticas públicas de xestión das 91 institucións museísticas rexistradas na nosa Comunidade.

Comparte