Nova: Arias participa nunha visita á catedral con motivo do ‘Arde Lucus’ centrada nas orixes da relixión na cultura romana

12/06/2025

Arias participa nunha visita á catedral con motivo do ‘Arde Lucus’ centrada nas orixes da relixión na cultura romana

Lugo, 12 de xuño de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou nunha visita guiada á Catedral de Lugo centrada nas orixes da relixión na cultura romana, unha proposta que ofrece ArtiSplendore desde hoxe e ata o sábado con motivo da celebración do Arde Lucus. Nesta actividade participaron tamén o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo, Cheché Real; o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, e o presidente de Lugo Monumental, Luis Latorre, entre outros.

O delegado destacou que a iniciativa “contribúe a difundir o valor do templo e do Museo Diocesano”, en concreto de pezas como o Crismón de Quiroga -relacionado cos inicios do cristianismo no territorio-, moedas ou teares, entre outras.

As persoas interesadas en participar nestas visitas poden facer as súas reservas a través da propia web da Catedral de Lugo ou chamando ao teléfono 683166703.

Arias lembrou que a Xunta continúa a executar obras de restauración no templo lucense e inviste na actualidade 450.000 euros para solucionar os problemas de humidade, centrándose na capela dos Ollos Grandes e nas absidiais, na cabeceira. As obras están incluídas dentro da operación Feder aprobada para actuar neste inmoble cun investimento superior aos 3,2 millóns de euros.

Comparte