Nova: A Xunta exhibe na Cidade da Cultura a maior retrospectiva sobre o galardonado fotógrafo Boris Savelev e a súa poética mirada da vida urbana

12/06/2025

A Xunta exhibe na Cidade da Cultura a maior retrospectiva sobre o galardonado fotógrafo Boris Savelev e a súa poética mirada da vida urbana

‘Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar’ reúne máis de seis décadas de traballo dun artista fundamental na fotografía urbana independente

En 2024 recibiu o premio PHotoESPAÑA como distinción pola súa traxectoria, iniciada nos anos 70 na Unión Soviética e que continúa en Galicia a día de hoxe

Anxo M. Lorenzo destaca “a súa inesgotable capacidade para construír imaxes evocadoras a partir de detalles cotiáns e o seu meticuloso traballo coa luz e a cor”

A exposición conta con máis dun cento de fotografías entre as que se inclúe unha ducia de imaxes inéditas tomadas entre Vigo, Cambados, Lugo e Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou esta mañá a mostra Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar  na Cidade da Cultura, un proxecto expositivo da Xunta de Galicia que achega ao público galego a obra dun dos fotógrafos urbanos contemporáneos máis influentes da súa xeración. Nacido en Ucraína e formado como fotógrafo independente na Unión Soviética, Boris Savelev acadou un  amplo recoñecemento internacional ao longo de seis décadas capturando de maneira incansable a vida aparentemente sinxela e anónima das cidades, desde a súa Chernivtsi natal ata Vigo, onde reside actualmente.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou “a inesgotable capacidade de Savelev para construír imaxes fondamente evocadoras a partir de detalles como unha sombra, un vaso de viño ou unha liña de fiestras iluminadas nun bloque de edificios”. Aínda que fosen tomadas en épocas e lugares diferentes, con película ou en dixital, “todas elas comparten a sinatura da mirada de Savelev: un meticuloso traballo coa luz e a cor que as dota dunha profundidade e poética singulares”, engadiu.

A mostra está comisariada polo fundador do estudio Factum Arte, Adam Lowe, coa asistencia da súa directora de proxectos, Nuria Medina, que participou na inauguración xunto co director xeral de Cultura e o artista homenaxeado. Acompañounos tamén no acto a directora de Exposicións de La Fábrica e responsable do festival PHotoESPAÑA, Ana Berruguete, entidades colaboradoras na organización.

Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar é a retrospectiva máis ampla realizada ata hoxe sobre o fotógrafo de orixe ucraína. Abrangue desde as primeiras imaxes en branco e negro que tomou nos anos 70 na Unión Soviética, os seus traballos con película en cor como freelance para publicacións rusas e estranxeiras, ata a adopción, a mediados dos anos 90, da fotografía dixital. Poderá visitarse ata o mes de novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

Galicia na mirada de Savelev

Entre as máis de cen fotografías que compoñen o proxecto expositivo atopamos unha ducia de instantáneas inéditas tomadas nos últimos tres anos entre Cambados, Lugo, Vigo e Santiago de Compostela. “A arquitectura en pedra, o bulicio das rúas, a choiva e o sol reavivaron a vontade do Savelev fotógrafo, que se vira obrigado a abandonar o seu retiro en Ucraína por mor da invasión rusa”, explicou Anxo M. Lorenzo.

Con estas novas imaxes, o artista deu forma ao que por agora é o seu último portfolio, titulado Diario galego. Os seus característicos xogos de luces e sombras e o retrato da rutina anónima nas rúas seguen presentes nunhas imaxes que apenas revelan cando e onde foron tomadas por detalles de roupas, mobiliario urbano ou letreiros.

A obra de Savelev forma parte das coleccións de importantes galerías e museos de todo o mundo, como o Museo de Arte Moderno de Nova York, a Staatsgalerie de Stuttgart ou Museo de Sarre en Saarbrücken (Alemaña), entre outras moitas. Ademais, foi o primeiro fotógrafo non oficial da URSS que publicou unha monografía en Occidente —Secret City (Londres, 1988)— e recibiu o recoñecemento do festival internacional PHotoESPAÑA polo conxunto da súa traxectoria en 2024.

Atrapar e imprimir a luz

A exposición no Museo Centro Gaiás complétase con tres audiovisuais que afondan no proceso creativo de Savelev e na súa obsesión por perfeccionar os procesos de impresión da imaxe. A súa formación científica como enxeñeiro aeroespacial e o seu carácter perfeccionista levárono a experimentar con diferentes técnicas ao longo da súa carreira para conseguir reproducir da maneira máis fiel posible o que captaba a través do visor da cámara.

A maior parte das fotografías da mostra foron reproducidas nunha impresora plana especial de inxección de tinta deseñada por Factum Arte para construír a imaxe por capas á medida de Savelev. O artista e os técnicos de Factum Arte traballaron man a man en perfeccionar o procedemento e a máquina, empregando paneis de aluminio recubertos de gesso en lugar de papel.

Grazas a este mestura branca, utilizada para imprimar lenzos e outras superficies antes de pintar, é posible controlar a aplicación da cor en cada capa de impresión. Un acabado final puído e encerado outorga ás fotografías unha textura e profundidade similares aos da pintura realista.

Comparte