Nova: Anxo M. Lorenzo presenta o Festival Groba como punto de encontro para a música clásica en Galicia

11/06/2025

Anxo M. Lorenzo presenta o Festival Groba como punto de encontro para a música clásica en Galicia

Esta cita homenaxea o legado do mestre ponteareán Rogelio Groba (1930-2023), un dos músicos e compositores máis distinguido do século XX

O director xeral de Cultura destaca que a cita contará cun amplo programa de actividades con concertos, obradoiros, conferencias, clases maxistrais, presentacións de discos e concursos de interpretación

Madrid, 11 de xuño de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da XIII edición do Festival Groba, celebrada na Casa de Galicia en Madrid, onde agradeceu o importante labor de difusión do legado do mestre Rogelio Groba que se fai nesta cita a través dun amplo programa de actividades entorno á música clásica.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou o compromiso por manter viva a herdanza do mestre Rogelio Groba que “con máis de 720 obras publicadas foi un dos compositores galegos máis importantes do século XX”. Ademais, o director xeral de Cultura recoñeceu a relevancia deste evento “por converter Ponteareas, vila natal do compositor, nun punto de encontro para a música clásica”.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo salientou a consolidación deste festival, enmarcado na ampla oferta de festivais culturais en Galicia que promove o Goberno galego, que leva trece anos atraendo a Ponteareas importantes músicos do panorama nacional e internacional, e tamén se mostra como unha plataforma para impulsar novos talentos e a creación contemporánea nesta modalidade artística, ademais de dotar á cultura dun acceso universal.

No acto celebrado en Madrid, participou tamén Rogelio Groba, director artístico do festival e da fundación que leva o mesmo nome, que aproveitou para presentar a programación da entidade máis alá do evento, que se estende ata finais do outono, e na que destaca o Ciclo de Concertos de Verán da Orquestra de Cámara Galega, en espazos históricos e emblemáticos da cidade da Coruña, e o IV Ciclo Noites na Cidade Vella, que conta con once concertos distribuídos en edificios patrimoniais da cidade herculina.

O Festival Groba, que se celebra do 17 ao 23 de agosto en Ponteareas, conta cun amplo abano de propostas, combinando excelencia artística, formación de novos talentos e accesibilidade para todos os públicos. Ademais, na cita participarán artistas internacionais como Zee Zee, Amaury Coeytaux, Veriko Tchumburidze, Henri Demarquette ou Luka Coetzee, entre outros, e a xa habitual orquestra residente, a Orquestra de Cámara Galega.

Comparte