Nova: López Campos enxalza as iniciativas que achegan a figura de Castelao á mocidade

06/06/2025
López Campos enxalza as iniciativas que achegan a figura de Castelao á mocidade
Na actuación, que pon música á tradición literaria galega, participan ao redor de 500 nenos e nenas dos conservatorios profesionais e escolas municipais da Comunidade
Destaca “o grande interese da proposta que leva tempo poñendo en valor aos persoeiros da nosa cultura entre os máis novos, especialmente neste ano dedicado a Castelao”
Incide en que “supón unha vía de divulgación que permite compartir a paixón pola música e afondar á vez na creación literaria”
Rianxo (A Coruña), 6 de xuño de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, asistiu hoxe en Rianxo ao concerto No bico un cantar, unha proposta, apoiada pola Xunta de Galicia, que puxo música á literatura galega nas voces dun coro de 500 nenos e nenas que estudan nos centros de ensino musical da Comunidade. Neste senso, gabou esta iniciativa “polo seu grande interese, xa que leva tempo poñendo en valor aos persoeiros da nosa cultura entre a mocidade e que, como non podía ser doutro xeito, este ano é especial ao sumarse á celebración do Ano Castelao”.
Así, o representante do Goberno autonómico destacou sobre a proposta, impulsada desde o Consello da Cultura Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Consellería de Educación , Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que se trata “dun xeito moi particular e distendido de divulgación da nosa cultura, de maneira que a cativada pode compartir a súa paixón pola música á vez que afonda na creación literaria”.
Ademais, López Campos fixo fincapé na participación, xunto cos conservatorios profesionais de música, as escolas municipais e coros infantís, do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, “unindo desta maneira tan especial os dous mundos de Castelao, a súa vila natal e o lugar onde pasou os seus últimos anos”.
Cantando a literatura galega desde 2013
O pavillón municipal da localidade coruñesa foi o escenario desta proposta que desde o 2013 celebrou oito edicións en diferentes concellos de Galicia, divulgando a tradición literaria galega entre o alumnado máis novo que cursa estudos musicais en todo o territorio. Así, Rianxo foi desta vez o punto de encontro para un concerto que neste 2025, co noveno encontro, se sumou á celebración do Ano Castelao homanexeándoo, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento do quinteto de metais Hércules Brass, cun repertorio que incluíu A Rianxeira, o lamento por Lela de Os vellos non deben de namorarse ou o Maio longo de Rosalía de Castro.
Nas súas oito primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (2016, Cangas), os poetas mindonienses (2017, Mondoñedo), os alalás (2018, Betanzos), a tradición musical da raia (2019) e Xeración Nós en (2024, Ribadavia).