Nova: López Campos salienta a contribución de Cela na maior visibilidade e espazo para as escritoras coetáneas

06/06/2025

López Campos salienta a contribución de Cela na maior visibilidade e espazo para as escritoras coetáneas

O representante da Xunta destaca a reclamación do autor galego de máis presenza feminina nas institucións académicas e o lugar que lles deu na súa revista literaria

A mostra, organizada pola Fundación publica que custodia e divulga o legado do Nobel, exponse na capital galega para difundir a súa figura máis aló da sede en Iria-Flavia

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor hoxe a contribución de Camilo José Cela para acadar que escritoras coetáneas acadasen “maior visibilidade e espazo nas institucións, no sector e nas publicacións literarias como xusto recoñecemento a súa valía creativa”. Así o salientou na inauguración da exposición Me proclamo feminista. A relación de Cela coas escritoras e artistas do seu tempo, no Pazo de Fonseca, onde estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Organizada pola Xunta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a exposición toma como punto de partida para o nome e relato da mostra a propia autoproclamación como feminista que fixo o Nobel de Literatura. Neste senso, o titular de Cultura fixo fincapé en que “non só se tratou dunha declaración de principios, senón que o demostrou con feitos”.

Así, o conselleiro salientou que, tal e como se amosa nesta exposición, o tamén Premio Cervantes “alimentaba as relacións coas intelectuais, artistas e escritoras que estaban alén das nosas fronteiras, como reflicten as distintas cartas, libros, fotografías, obxectos e cadros da mostra”. Nesta liña, incidiu en que o autor de La Colmena ou  Mazurca para dos muertos reivindicou a presenza das escritoras nas institucións académicas e tamén as convidaba a participar en órganos de publicación que el mesmo creou, como a Revista Papeles de Son Armadans.

Escritoras na nosa lingua

Ademais, o titular de Cultura subliñou que Cela amosaba publicamente, nos seus escritos ou intervencións unha “especial defensa por nomes senlleiros do noso acervo cultural, como Concepción Arenal ou Rosalía de Castro, á que erixía como a gran luminaria da nosa lírica e a máis grande poeta do século XIX”.

Por estes motivos, considerou “máis que atinada” esta mostra, que estará no claustro alto do Pazo de Fonseca, ata o 4 de xullo, tanto por reflectir e divulgar na actualidade esta faciana do escritor galego, como por “dala a coñecer máis aló” da sede da Fundación Camilo José Cela, en Iria-Flavia, no municipio coruñés de Padrón. “Esta exposición é un xeito de abrir a institución que teño a hora de presidir ao resto do pobo galego”, argumentou en referencia a súa exhibición no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, baixo o comisariado de Lourdes Regueiro e Iván Rodríguez.

Comparte