Nova: A Xunta pon en valor o papel transformador do ensino artístico coa exposición do arquivo de Galicia ‘Educando a mirada. Leccións de arte e deseño’

06/06/2025

A Xunta pon en valor o papel transformador do ensino artístico coa exposición do arquivo de Galicia ‘Educando a mirada. Leccións de arte e deseño’

A mostra acolle documentos históricos orixinais de dúas institucións comprometidas coa formación de artistas e artesáns en Galicia como a Real Sociedade de Amigos do País e a Escola de Artes e Oficios

López Campos sinala a importancia da educación artística para “formar a persoas sensibles, conscientes e preparadas para contribuír ao ben común”

A exposición, que conta con 85 documentos comprendidos entre os anos 1826 e 1950, poderá visitarse no vestíbulo da Biblioteca e Arquivo de Galicia ata o mes de outubro

Santiago de Compostela, 06 de xuño de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá a mostra Educando a mirada. Leccións de arte e deseño con motivo do Día Internacional dos Arquivos para poñer en valor o papel transformador do ensino artístico en Galicia. A exposición poderá visitarse no vestíbulo da Biblioteca e Arquivo de Galicia ata o vindeiro mes de outubro.

O titular de Cultura da Xunta resaltou a importancia da educación artística para “formar a persoas sensibles, conscientes e preparadas para o ben común” e subliñou que esta exposición é unha oportunidade única para achegarse “a documentos antigos orixinais que nos revelan métodos pedagóxicos de dúas institucións comprometidas coa formación de artistas e artesáns en Galicia como a Real Sociedade de Amigos do País e a Escola de Artes e Oficios”.

A mostra, comisariada polos técnicos do Arquivo de Galicia María del Mar García Miraz e Miguel López Sánchez, enmárcase nunha época de proliferación das escolas de debuxo en toda Europa propiciada polas ideas da Ilustración. Así, López Campos subliñou “a contribución destas escolas á formación integral e harmónica dos individuos, educando a mirada e espertando neles un sentido estético”. Na inauguración da mostra tamén estiveron presentes o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo e a subdirectora xeral de Arquivos e Museos, María del Carmen Calviño Rodríguez.

O discurso expositivo estrutúrase ao longo de 12 vitrinas e conta con 85 documentos que datan entre 1826 e 1950 e amosan a práctica do debuxo linear, a representación de flores e animais, as diferentes partes da figura humana, o deseño arquitectónico e o deseño industrial. Estes materiais, en custodia do Arquivo de Galicia, constitúen unha fonte de información de especial interese para o estudo das metodoloxías de ensino empregadas na época, un legado que hoxe continúa inspirando.

Comparte