Nova: A Xunta impulsa unha intervención artística no Gaiás que recupera refugallos plásticos industriais para darlles unha segunda pel ás Torres Hejduk

05/06/2025

A Xunta impulsa unha intervención artística no Gaiás que recupera refugallos plásticos industriais para darlles unha segunda pel ás Torres Hejduk

‘Plastic biontes’ é unha creación do colectivo Basurama que nos convida a repensar que o lixo non sexa só un residuo, senón tamén unha ferramenta creativa e crítica

Anxo M. Lorenzo salienta que proposta “conxuga arte, ecoloxía e arquitectura viva nunha necesaria reflexión sobre as nosas dinámicas de consumo”

Trátase da primeira intervención artística en Santiago do colectivo Basurama, que ten colaborando co Museo Reina Sofía ou o Victoria & Albert Museum, entre outros

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura Plastic biontes, unha intervención na que o colectivo Basurama converte en arte efémera refugallos plásticos industriais ao revestir cunha segunda pel as Torres Hejduk do Gaiás. Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a Xunta presenta esta instalación que convida a reflexionar sobre escenarios futuros nos que o lixo non sexa só un residuo, explorando as súas potencialidades como ferramenta creativa e crítica.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou “o xeito maxistral” no que o colectivo Basurama consegue con esta proposta “conxugar arte, ecoloxía e arquitectura viva nunha necesaria reflexión sobre a herdanza futura que deixan as nosas dinámicas de consumo”. Neste senso, remarcou que esta instalación potencia o “vencello especial” das Hejduk coa súa contorna natural e paisaxística, apelando tanto á súa localización no contexto natural do Monte Gaiás e á vexetación autóctona deste espazo, como ao “diálogo visual entre dúas urbes: a Cidade da Cultura e Santiago de Compostela, unha futurista e outra patrimonio cultural”.

Arte que ‘plastifica’ as Torres Hejduk

Plastic biontes explora a potencialidade do plástico para xerar texturas e producir estrañamento, transformando a pel das torres, a súa ollada e o seu discurso. A torre de cristal recóbrese con filme transparente, adquirindo unha nova epiderme na que o plástico, engurrado e brillante, xera un xogo de texturas, fulgores e reflexos que remiten ao sobreenvasado de obxectos e alimentos, pero tamén á contaminación dos nosos ecosistemas por causa destes refugallos. Na torre de granito, ao seu carón, enxértanse formas plásticas —residuo procedente da extrusión do plástico en procesos industriais— que emulan o xeito en que os liques colonizan as paredes da cidade.

Plastic biontes é a primeira intervención de Basurama en Santiago de Compostela e a terceira en Galicia tras os proxectos Amar o mar (2017) e Huellas (2015), ambos desenvolvidos na Coruña. No acto de inauguración participaron tamén a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e os artistas integrantes do colectivo Basurama, Mónica Gutiérrez Herrero e Rubén Lorenzo Montero.

Esta intervención artística, que conta co apoio de Televés, enmárcase dentro de Gaiás en verde, unha liña de acción da Cidade da Cultura que programa actividades que mesturan arte e creatividade co obxectivo de promover o desenvolvemento dunha conciencia medioambiental sólida.

Sobre o colectivo Basurama

Basurama é un colectivo fundado en 2001 e dedicado á investigación, creación e produción cultural e medioambiental que explora os procesos produtivos, os refugallos que xeran e as posibilidades creativas que que suscitan estas conxunturas contemporáneas.

Con sede en Madrid, ten realizado máis de 150 proxectos en máis de 40 países, colaborando con institucións como o Museo Reina Sofía, a Casa Encendida ou o Victoria & Albert Museum. O seu traballo foi recoñecido con galardóns internacionais de prestixio como o premio Artista Comprometido da Fundación Daniel e Nina Carasso ou o Curry Stone Social Design Circle.

Arte e cultura inclusiva

Coincidindo coa apertura do proxecto e a conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, a Cidade da Cultura organizou paralelamente unha actividade participativa conducida pola educadora e xestora cultural Julia Sueiro. Nesta proposta, concibida desde unha ollada inclusiva e aberta, participaron persoas con discapacidade intelectual das asociacións ASPAS e Fonte da Virxe, pero tamén calquera persoa interesada en achegarse á creación artística e á investigación cultural.

De modo conxunto, realizaron unha composición artística a partir dos refugallos presentes en Plastic biontes e das especies vexetais que medran de xeito espontáneo na contorna das Torres Hejduk, emulando o xeito en que a natureza remata por colonizar o lixo presente na natureza, e tamén as nosas contornas urbanas.

Comparte