Nova: A Xunta impulsa no Gaiás e no Salón Teatro dúas residencias artísticas ao redor da identidade de xénero e dun novo folclore para o século XXI

04/06/2025
A Xunta impulsa no Gaiás e no Salón Teatro dúas residencias artísticas ao redor da identidade de xénero e dun novo folclore para o século XXI
Os proxectos foron seleccionados na última convocatoria das ‘Paraíso’, impulsadas polo colectivo RPM co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
En ‘Tuerce’, o artista Euyín Eugene propón, desde a performance, xerar espazos de reflexión para desmarcar a disforia de xénero do estigma social
Isabel do Diego dará forma en ‘Brutalismo’ a un concerto-escénico e un EP que transita entre o atávico e atemporal do folclore andaluz e a música electrónica
A colaboración coas Residencias Paraíso intégrase no programa de apoio á creación artística da Cidade da Cultura e na liña de cooperación da Axencia Galega das Industrias Culturais cos procesos artísticos previos aos espectáculos
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia impulsa durante este mes de xuño na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do Centro Dramático Galego os artistas Euyín Eugene e Isabel do Diego, seleccionados na convocatoria 2025 das Residencias Paraíso, programa de apoio ás artes vivas promovido polo colectivo RPM co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Con motivo do inicio da estadía de Isabel do Diego no Gaiás, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, acompañados polas representantes do Colectivo RPM Félix Fernández, Rut Balbís e Alexis Fernández, responsables da coordinación e produción das Residencias Paraíso, mantiveron un breve encontro con ambos creadores, que traballarán desde a música e a performance temáticas como a disforia de xénero e a ligazón do folclore tradicional coa electrónica.
O artista transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene interrógase en Tuerce sobre a experiencia do corpo trans e non binario, buscando desvincular a disforia de xénero do estigma clínico e presentándoa como motor creativo. A súa investigación pretende xerar espazos de reflexión co público, levando á escena unha peza que evoca a través do corporal e do confluír de voces, sons e texturas, o tránsito dun corpo que decidiu autodeterminarse no medio do sistema sexo-xénero. Na creación do espazo sonoro está a colaborar a artista sonora Íren Márquez Dos Santos.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo o venres 13 de xuño a partir das 20,00 horas no Salón Teatro en Santiago de Compostela, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Electrónica para o folclore do futuro
Pola súa banda, Isabel do Diego —alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada— comezou a desenvolver no Gaiás Brutalismo, unha proposta de concerto-escénico ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis aló dos construídos para as artes vivas, co que aborda cuestións como onde comeza e onde remata o folclore do século XXI.
Partindo das prácticas máis atávicas e minimalistas da música tradicional en relación co son e musicalidade, co seu carácter festivo e coa maneira de poñer o corpo en escena, Isabel do Diego está a deseñar un novo instrumento, o gavión, co que traducir musicalmente e interpretar en directo as súas pescudas. Elaborado en aceiro inoxidable e madeira conectada a un software, o gavión constrúese como un instrumento-máquina no que o corpo é o medio necesario para que a música brote.
Con Brutalismo, Isabel do Diego pechará un ciclo de sete anos de investigación e creación ao redor dun novo folclore andaluz, no que a electrónica, poliédrica e vigorosa, serve de base para melodías vogais tradicionais e austeras que transmutan a través do corpo que as interpreta. A súa residencia desenvolverase ata o 22 de xuño, primeiro na Cidade da Cultura e, a partir do 16 de xuño no Salón Teatro, onde manterá tamén un encontro aberto co público.
Apoio á creación contemporánea
Residencias Paraíso é un proxecto do Colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa, coas que se configura unha rede de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais ata espazos non convencionais, que atravesa Galicia de norte a sur.
A colaboración da Cidade da Cultura con estas residencias intégrase nas accións do seu programa de apoio á creación artística impulsadas, que contan este ano cun financiamento de máis de 166.600 euros en total, e beneficiarán a máis de 150 creadoras e creadores contemporáneos en ámbitos como a música, as artes escénicas, as artes plásticas e visuais, o deseño, as artes dixitais e a literatura.