Nova: O Mercado Galicia Escena PRO inicia catro xornadas de exhibición, presentacións de proxectos e debate con máis de 500 reunións profesionais xa pechadas

01/06/2025
O Mercado Galicia Escena PRO inicia catro xornadas de exhibición, presentacións de proxectos e debate con máis de 500 reunións profesionais xa pechadas
A organización ten concretado un intenso calendario de xuntanzas entre compañías galegas e representantes de festivais, circuítos e espazos de exhibición de toda a península co fin de impulsar a contratación dos espectáculos producidos en Galicia
Un total de 225 integrantes do sector participan nesta 12ª edición do encontro, que comparte co público xeral as funcións de teatro, danza e circo programadas
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2025
A organización de Galicia Escena PRO, o mercado galego das artes escénicas organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a asociación Escena Galega, ten xa concretadas máis de 500 reunións entre compañías galegas e representantes de festivais, circuítos e espazos de exhibición de toda a península, que se darán cita entre mañá e o xoves 5 en Santiago de Compostela con motivo da 12ª edición deste encontro.
Este ano a feira congrega 225 profesionais da programación, distribución e produción de espectáculos coa prioridade de favorecer a contratación dentro e fóra da nosa Comunidade das novas propostas das formacións escénicas de Galicia. Ademais de participar nas devanditas xuntanzas profesionais e de asistir ás 21 representacións de teatro, danza e circo en cartel, as persoas acreditadas terán a oportunidade de coñecer os 12 próximos proxectos das compañías galegas seleccionadas para as presentacións en formato pitching.
Tamén haberá lugar para o debate en dúas mesas redondas sobre as boas prácticas na distribución e o relevo profesional e xeracional no ámbito da programación escénica, así como para a música cun concerto do grupo Capital Voskov.
Primeiro día de actividade
A xornada inaugural de Galicia Escena PRO dará comezo ás 12,00 h. do luns no Salón Teatro, onde Aurora Artes Escénicas porá en escena Maruxiña, unha comedia para público familiar con música en directo. Seguiralle a primeira das sesións de presentacións breves, que terá lugar ás 13,30 h. no Museo das Peregrinacións e de Santiago, onde estará instalada asemade a oficina de coordinación do evento. Nesta quenda, participarán Chévere co proxecto A derradeira leición do mestre, Sarabela Teatro con A metamorfose, Teatro do Noroeste con Manual de patronaxe, Cinema Sticado con Oh, mammi blue! e Barrosanta xunto a ButacaZero con Xoguetes rotos.
Xa pola tarde, Iria Pinheiro representará a montaxe autobiográfica e de denuncia Vitória ás 16,30 no Teatro Principal, mentres que a danza chegará a esta carteleira con Colectivo Glovo e a peza Trïade, ás 18,00 h. na praza de Mazarelos, e La Guajira con Anfibia, ás 18,20 h. na Igrexa da Universidade. Esta primeira xornada de Galicia Escena PRO pecharase ás 20,00 h. no Salón Teatro con Ubasute, espectáculo de Berrobambán a partir do texto máis recente da dramaturga Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.
Como en anos anteriores, a Xunta comparte co público os 21 espectáculos seleccionados para a súa exhibición en formato completo, de xeito que as persoas non acreditadas teñen a posibilidade de asistir a estas representacións segundo a dispoñibilidade de cada espazo e previa retirada dos convites (máximo dous por función) no Museo das Peregrinacións en horario de 9,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 19,00 h.
A axenda completa desta 12ª edición do encontro pode consultarse na web https://galiciaescenapro.gal/.