Nova: A Xunta inaugurará o 9 de xuño unha exposición sobre a pegada viquinga na nosa cultura no Museo do Mar de Galicia

31/05/2025

A Xunta inaugurará o 9 de xuño unha exposición sobre a pegada viquinga na nosa cultura no Museo do Mar de Galicia

‘Viquingos. Unha ollada desde Galicia’ debulla o impacto dos pobos nórdicos no noso territorio a través de pezas históricas procedentes de museos de Galicia, Andalucía e Suecia

A mostra, herdeira natural da exitosa ‘Unha vida viquinga’ que albergou en 2024 o Museo Centro Gaiás atraendo máis de 60.000 visitas, manterase aberta ata o 28 de setembro

Con este proxecto, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove a itinerancia de mostras que se xestan no Gaiás a outros territorios para facer a cultura accesible a toda a poboación

Vigo, 31 de maio de 2025

A Xunta afondará na análise e mais na difusión da pegada dos pobos nórdicos na nosa cultura a través de Viquingos. Unha ollada desde Galicia, exposición que se inaugurará o luns 9 de xuño no Museo do Mar de Galicia. A exposición, que poderá visitarse en Vigo dende o martes 10 de xuño ata o 28 de setembro no horario habitual do centro, reúne un corpus expositivo conformado por pezas procedentes de museos de Galicia, Andalucía e Suecia. Este proxecto é unha extensión natural e necesaria de Unha vida viquinga, exposición que o Museo Centro Gaiás acolleu no segundo semestre de 2024 e que atraeu máis de 60.000 visitas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa así a promover a circulación de mostras que agroman no Gaiás por outros puntos da xeografía galega para facer a cultura accesible a toda a poboación. Deste xeito, o Museo do Mar de Galicia explora a senda aberta por Unha vida viquinga cunha proposta expositiva propia que lle brindará ao público unha perspectiva diferente e anovadora. Se a exposición da Cidade da Cultura de 2024 ofrecía unha radiografía universal sobre a cultura viquinga, a mostra da institución viguesa vai un paso máis alá para poñer o foco no máis próximo: a pegada das expedicións escandinavas en Galicia.  

Con ese obxectivo, Viquingos. Unha ollada desde Galicia nútrese de fondos pertencentes a once museos e institucións, das cales nove son galegas, unha sueca e outra andaluza. Pezas arqueolóxicas procedentes de entidades como o Museo das Peregrinacións e de Santiago, do Museo Provincial de Pontevedra, do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ou da Diocese de Mondoñedo convivirán con outras chegadas do Conxunto Arqueolóxico de Madinat al-Zahra (Córdoba) ou do Gotlands Musem (Suecia).

De peites medievais a curtas animadas

A institución sueca achega medio cento de pezas que permitirán comprender o estilo de vida, os costumes e os oficios máis habituais entre os pobos escandinavos durante a chamada Era Viquinga, período que se estende dende o século IX ao XII. Ferramentas, xoias, puntas de lanza, utensilios da hixiene persoal como peites ou limpadores de oídos permitirán comprender unha cultura que vai moito máis alá do clixé de pobo violento e conquistador que perdura no imaxinario colectivo.      

O público terá á súa disposición, ademais, obxectos fundamentais para comprender o impacto que tiveron as incursións viquingas no territorio galego durante a Idade Media. Neste apartado galaico, destaca a pedra fundacional das Torres do Oeste ou o báculo de Gonzalo, bispo do cal as lendas din que rezou dende un alto fronte a costa e fixo afundir de forma milagreira a practica totalidade dunha frota viquinga. Outros elementos, como moedas, colares ou restos arquitectónicos, servirán para conformar unha idea clara de como era a vida en Galicia naquela altura, estruturando o discurso expositivo a través das diferentes etapas vitais: nacemento, infancia e mocidade, madurez e a morte.  

O Museo do Mar de Galicia contará nesta exposición con pezas singulares como a recreación de gran parte dun navío viquingo realizado en pezas de cartón polo estudio galego Cenlitros a partir dos exemplares conservados no Museo de Barcos Viquingos de Roskilde (Dinamarca) ou catro pezas audiovisuais animadas con ilustracións de David Rubín, un dos autores galegos de banda deseñadas con maior proxección internacional. Nestas fitas, Rubín achéganos elementos diversos da cultura e da mitoloxía viquinga.

Comparte