Nova: O novo festival de series Ría de Vigo estrea en exclusiva a produción galega-portuguesa ‘Lume’, subvencionada pola Xunta

30/05/2025

O novo festival de series Ría de Vigo estrea en exclusiva a produción galega-portuguesa ‘Lume’, subvencionada pola Xunta

A compañía galega Setemedia contou cunha axuda de 240.000 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para coproducir xunto á lusa Coral Europa 

Con Giselle Llanio na dirección, Cristina Castaño e Albano Jerónimo protagonizan este ‘thriller’ xornalístico rodado a ambas as beiras do Miño

Vigo, 30 de maio de 2024

O novo Festival Internacional de Series Ría de Vigo, que se celebra desde onte na Estación Marítima da cidade olívica, acolleu esta noite a estrea en exclusiva da  serie galego-portuguesa Lume, que poderá verse a partir do 19 de xuño nas televisións públicas de Galicia e Portugal, así como na plataforma Max. A compañía galega Setemedia recibiu unha subvención da Xunta de máis de 240.000 euros para coproducir coa lusa Coral Europa este thriller xornalístico protagonizado por Cristina Castaño e Albano Jerónimo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu neste pase especial facendo fincapé no “lugar privilexiado” no que se sitúa actualmente Galicia en canto á realización de series para televisión e plataformas, “con producións lideradas polas empresas do país capaces de establecer alianzas estratéxicas internacionais, de estar na oferta das principais plataformas baixo demanda e de acadar premios e recoñecementos nos máis prestixiosos foros e festivais dentro e fóra de España”.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou tanto o equipo de Lume, ao que puxo de exemplo paradigmático da colaboración entre as industrias audiovisuais galega e portuguesa, como o novo certame de series Ría de Vigo, cuxo nacemento “semella ser unha consecuencia natural dentro deste panorama tan positivo e con tanto potencial de expansión neste formato”.

Rodaxe simultánea en ambos países

Creada por Irene Pin, quen asina o guión xunto a Sara Rodi, Lume desenvolverá durante seis episodios a historia dunha investigación xornalística sobre incendios forestais, rodada de xeito simultáneo en Galicia, con localizacións na Estrada, Cuntis, Dodro e Rois, e Portugal.

A actriz galega Cristina Castaño e o portugués Albano Jerónimo protagonizan esta serie, que conta con Giselle Llanio e Sergio Graciano na dirección. No elenco figuran tamén outras coñecidas caras do audiovisual galego como Isabel Naveira, Alfonso Agra, Xulio Abonjo ou os novos talentos Grial Montes e David Rodríguez.

ZDF Studios encargarase da distribución internacional desta produción, que foi seleccionada polo Consello Europeo como o único proxecto español dos nove apoiados na segunda convocatoria da nova liña para coprodución de series do fondo Eurimages.

Comparte