Nova: A Xunta impulsa a proxección de gañadores do ‘Xuventude Crea’ incorporándoos no cartel do Festival Orballo Cultural

30/05/2025
A Xunta impulsa a proxección de gañadores do ‘Xuventude Crea’ incorporándoos no cartel do Festival Orballo Cultural
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, salienta o compromiso do Goberno galego en difundir e darlle visibilidade ao talento mozo que sae deste certame
Incorporaranse a dez artistas que resultaron premiados nas disciplinas de música, DJ e danza e serán os encargados de abrir cada un dos oito concertos
As actuacións arrancan este sábado na Estrada e percorrerá Tomiño, O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo
Vigo, 30 de maio de 2025
A Xunta vai impulsar a proxección de gañadores do Xuventude Crea 2024 incorporándoos ao cartel do Festival Orballo Cultural, que dará comezo este sábado, día 31, na Estrada e que tamén se celebrará nos concellos de Tomiño, O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo. Así o deu a coñecer hoxe a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, quen considerou esta inclusión unha “demostración máis da aposta do Goberno galego por difundir e darlle visibilidade ao enorme talento emerxente que sae deste certame”.
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, explicou que abrirán cada un dos concertos do Orballo cultural dez artistas que resultaron premiados nas disciplinas de música, Dj e danza do último Xuventude Crea, do que destacou que supuxo a ampliación do número de disciplinas, ata un total de 16, e fixo fincapé no “grande éxito de participación con máis de 600 participantes, dobrando o número do pasado ano”.
En concreto, Lara Meneses explicou que participarán no Orballo Cultural os gañadores do primeiro, segundo e terceiro premio da categoría de música: Sara Gimeno, Juan Arca e Pablo Sexto, quen actuará en formato trío con Roi Alfonso e Davi Somavilla. Tamén se sumarán á apertura dalgunha das oito actuacións os DJ Lidia Fraga e Jorge Luis Pardo, segunda e terceiro nesta disciplina. Ademais, tamén participará o primeiro premio en danza, Judith Roca, e o grupo que se fixo co terceiro posto nesta categoría do Xuventude Crea e que está integrado por Daniel Suárez, Alba Mejide e Bruno Orosa.
O Orballo Cultural forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo e ten xa confirmadas as actuacións de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre como apertura o vindeiro sábado na Estrada, ademais de Su Garrido Pombo, Herdeiros da Crus e The Limboos.