Nova: Anxo M. Lorenzo anima a cidadanía a gozar da cultura na Feira do Libro do Porriño

29/05/2025

Anxo M. Lorenzo anima a cidadanía a gozar da cultura na Feira do Libro do Porriño

  • O director xeral de Cultura participa na inauguración desta cita que se impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que percorrerá 13 vilas e cidades ata o mes de agosto
  • O barrio de San Bieito contará con máis de 40 actividades como obradoiros, presentacións, sinaturas de libros e propostas para o público infantil nas que participarán máis de 30 escritores ata o domingo 1 de xuño

O Porriño (Pontevedra), 29 de maio de 2025.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro do Porriño, a cuarta parada do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que este ano percorrerá 13 cidades e vilas ata finais do mes de agosto.

No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que estas feiras “son un importante escaparate para os profesionais do sector, tanto escritores como editoriais, xa que amosan o gran momento que está a vivir a nosa cultura”. Neste senso, Anxo M. Lorenzo resaltou o incremento que se rexistrou en Galicia no número de persoas que mercan e len libros e animou a toda a cidadanía a achegarse ao barrio de San Bieito para gozar da cultura galega.

A Feira do Libro do Porriño estará aberta en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 21,00 horas cunha programación que se iniciou hoxe coa lectura do pregón a cargo do poeta natural de Mos, Samuel Merino. Ademais, o programa complétase con máis de 40 actividades entre as que se inclúen obradoiros, presentacións, sesións de teatro infantís e sinaturas de libros, así como a participación dunha trintena de autores.

13 vilas e cidades de abril ata agosto

O Porriño é a cuarta das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar por Santiago de Compostela e Lugo, recollerá o relevo a vila pontevedresa, onde a Feira do Libro permanecerá aberta ata o 1 de xuño. Durante o xoves 29 abrirá en horario de tarde de 17,00 horas ata ás 21,00 horas, mentres que os días 30, 31 e 1 abrirá pola mañá e pola tarde.

Tras isto, serán as paradas de Redondela, do 12 ao 15 de xuño, e Ourense, do 18 ao 21 de xuño. Xa no mes de xullo haberá Feira do Libro en Vigo, do 1 ao 7; en Ponteareas, do 10 ao 13, e en Rianxo, do 24 ao 27. En agosto as feiras estarán tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.

O apoio a esta iniciativa encádrase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co sector do libro e o fomento do hábito lector. Así, ademais do apoio ao circuíto impulsado coa Federación da Librarías de Galicia, a Xunta inviste máis de 3 millóns de euros en convocatorias para promocionar o sector de libro, traducir obras, adquirir novidades ou apoiar ás empresas editoriais.

 

Comparte