Nova: A Xunta apoia a nova Temporada Lírica da Coruña coa Ópera Carmen dirixida por Calixto Bieito e máis de 20 actividades arredor do xénero

29/05/2025
A Xunta apoia a nova Temporada Lírica da Coruña coa Ópera Carmen dirixida por Calixto Bieito e máis de 20 actividades arredor do xénero
O ciclo arrancará o 5 de setembro coa célebre obra de George Bizet en conmemoración do seu 150 aniversario e coa Sinfónica de Galicia e mais os coros Gaos e Cantábile noi escenario
‘La finta semplice’ de Mozart, o sopranista Samuel Mariño e a estrea da única ópera de Debussy, ‘Pelléas et Mélisande’, son outras citas destacadas desta edición
A programación complétase con actividades didácticas para escolares, conferencias, recitais, proxeccións de ópera e cinema, un curso de interpretación vocal e propostas inclusivas
A Coruña, 29 de maio de 2025
A Asociación Amigos de la Ópera da Coruña presentou hoxe a súa 73ª Temporada Lírica, que volve contar para a súa organización co apoio económico do Goberno galego a través dun convenio de colaboración dotado con 160.000 euros. A posta en escena da Carmen, de Georges Bizet, coa que o director Calixto Bieito leva triunfando durante anos nos principais escenarios internacionais, é o principal reclamo da programación deste ano, que entre setembro e decembro ofrecerá unha vintena citas para os amantes do xénero lírico, entre recitais, galas e actividades formativas e divulgativas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, participaron no acto, que tivo lugar no Teatro Colón, xunto ao director artístico da Temporada Lírica, Aquiles Machado, a presidenta de Amigos de la Ópera, Natalia Lamas, e outros representantes do resto de entidades e institucións patrocinadoras.
Na súa intervención, Jacobo Sutil felicitou a organización polo programa deste ano, que ‒dixo‒ volve situar A Coruña e Galicia na primeira liña deste xénero. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enmarcou a colaboración da Xunta no seu compromiso co labor de promoción e difusión que realiza esta entidade coruñesa, decana no seu ámbito en todo o territorio español, con máis de 70 anos de traballo continuado a prol da divulgación deste eido musical.
Ao respecto da Temporada Lírica, destacou tamén o fomento de novos públicos para a ópera e a posta en valor de profesionais da interpretación e a composición deste xénero en Galicia, dándolles a oportunidade de compartir elenco con destacadas figuras recoñecidas a nivel mundial e situando a nosa Comunidade nos circuítos de distribución internacional do máis alto nivel.
Preto de 100 artistas en escena
A primeira gran cita do programa será a ópera Carmen, que se representará os días 5 e 7 de setembro no Pazo da Ópera baixo a dirección do prestixioso director de escena Calixto Bieito, que chega á cidade herculina tras triunfar en grandes teatros internacionais e para conmemorar os 150 anos da primeira posta en escena da popular obra do francés George Bizet. A montaxe contará con produción galega e reunirá sobre o escenario preto de 100 artistas que se sumarán aos músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección musical de Gianluca Martinenghi nun extraordinario espectáculo cun elenco encabezado por Sofija Petrovic como Carmen; Brian Michael Moore como Don José, Jean-Fernand Setti será Escamillo e María José Moreno como Micaela.
O elenco completarase con presenza galega nas voces de cantantes da Coruña como Susana García no papel de Frasquita, Irene Zas como Mercedes e Pedro Martínez Tapia como Morais. O barítono cambadés Jacobo Rubianes interpretará o rol de Zuñiga e Lle Dancaire será o ferrolano Gabriel Alonso. Xunto a eles os coros Gaos e Cantabile, baixo as direccións de Fernando Briones e Pablo Carballido, respectivamente, completarán as voces dos solistas. Na véspera da estrea, o día 4, celebrarase unha conferencia sobre desta obra a cargo de Irene de Juan Bernabéu.
Mozart, Debussy e o sopranista Samuel Mariño
O mes de setembro continuará coa conferencia previa á ópera de Mozart La finta semplice, que se poderá gozar os días 26 e 28 de setembro no Teatro Colón, cunha produción propia íntegra de Amigos da Ópera e asinada por Gianmaria Aliverta. A tempada lírica 2025 contará ademais cunha gala que se celebrará o 24 de novembro, tamén no Teatro Colón e que estará protagonizada polo sopranista venezolano Samuel Mariño, na que será a súa primeira visita a Galicia, e pola première de Pélleas et Mélisande, a única ópera composta por Debussy, que servirá para clausurar a edición deste ano o 5 de decembro nese mesmo escenario.
Un ano máis, o programa volve apostar por transmitir a maxia da ópera a escolares a través de dúas sesións dobres de Ópera Kids no Auditorio Sede Afundación os días 21 e 22 de outubro, onde participarán máis de 1000 rapaces. Previamente realizarase un traballo conxunto nos centros educativos.
A programación complétase cun curso de interpretación vocal, catro concertos gratuítos do Ciclo Lírica Inclusiva e varias proxeccións durante o mes de novembro, entre elas dous filmes na Filmoteca de Galicia: In The Mood For Love, de Wong kar-Wai e Carmen, de Francesco Rosi.