Nova: Gaitafilmes encara a fin da rodaxe de ‘Monstro’, a nova película de Andrés Goteira producida con subvención da Xunta de Galicia

28/05/2025
Gaitafilmes encara a fin da rodaxe de ‘Monstro’, a nova película de Andrés Goteira producida con subvención da Xunta de Galicia
Contou cunha subvención de máis de 255.000 euros a través da convocatoria de 2022 para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos
Antonio Durán ‘Morris’ e Iván Marcos protagonizan esta fita, rodada maioritariamente en espazos naturais de diferentes concellos lucenses
Lugo, 28 de maio de 2025
O novo Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo acolleu hoxe a penúltima xornada de filmación de Monstro, a segunda longa de ficción do director Andrés Goteira tras o éxito do seu debut con Dhogs. Antonio Durán Morris e Iván Marcos protagonizan esta nova película, para a que a produtora Gaitafilmes dispuxo dunha subvención de máis de 255.000 euros por parte da Xunta de Galicia a través da convocatoria de 2022 para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron o set de Monstro nesta recta final da súa rodaxe, que vén desenvolvendo desde primeiros de mes e maioritariamente en espazos naturais dos concellos de A Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, As Nogais, Becerreá, Castro de Rei, Ferrol, Lugo e Meira.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou o director e ao seu equipo por este proxecto, que conta tamén con Mordisco Films e Indígena Films como compañías coprodutoras, e destacou a súa implicación co rural galego como exemplo do potencial da nosa cultura máis alá dos grandes núcleos urbanos.
Cunha narración sen diálogos, Monstro explora a tensión entre o medo e a identidade como parte dunha viaxe á fantasía, ao silencio e ao misterio, a través da historia dun home que se instala nunha casa illada en plena natureza para escapar do tedio da cidade.
Trátase do terceiro traballo como director de Andrés Goteira, quen en 2017 estreou Dhogs no Festival Internacional de Cine Independiente de Buenos Aires. Foi, ademais, a primeira longa en galego proxectada no Festival de Sitges e a película máis premiada na historia dos Mestre Mateo. Tanto para a produción desta ópera prima como para o documental de 2021 Welcome to ma maison contou tamén co apoio económico da Xunta de Galicia.