Nova: A Xunta inviste máis de 17.000 euros nunha nova campaña arqueolóxica no xacemento do castro do Sarridal, en Cedeira, que comezou esta semana

13/05/2025
A Xunta inviste máis de 17.000 euros nunha nova campaña arqueolóxica no xacemento do castro do Sarridal, en Cedeira, que comezou esta semana
A intervención, financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, execútase no acceso ao castro baixo e o actual camiño de acceso á Punta Sarridal
Os traballos que foron adxudicados á empresa AXA Arqueoloxía SL, prolongaranse durante catro semanas
Ferrol, 13 de maio de 2025
A Xunta de Galicia iniciou esta semana a última campaña de escavación financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no castro do Sarridal, en Cedeira. A actuación conta cun investimento autonómico de 17.303 euros e un prazo de execución de catro semanas.
Esta nova actuación en área que foi adxudicada á empresa AXA Arqueoloxía SL, execútase no acceso ao castro baixo e o actual camiño de acceso á Punta Sarridal, entre a torre defensiva e a continuación do foxo, e ten por obxecto documentar as estruturas desta área, torre, muro con vano, foxo e pavimentos.
Esta intervención permitirá ademais realizar o deseño para a colocación posterior dun novo acceso que substitúa o camiño asfaltado actual, o que permitirá unha visión máis completa das estruturas e unha mellor comprensión do conxunto arqueolóxico.
Os traballos a realizar inclúen a roza e limpeza manual da vexetación da zona de actuación, a escavación dunha superficie de 100 metros cadrados na área de acceso ao xacemento arqueolóxico, labores de conservación e consolidación daqueles elementos histórico-arqueolóxicos que requiran dun tratamento inmediato e o estudo dos materiais recuperados.
O castro do Sarridal é un xacemento fortificado da idade do Ferro, de tipo costeiro, inaccesible desde o mar e defendido desde terra por dúas murallas precedidas polos seus respectivos fosos. Desde 2017 este xacemento está sendo escavado a través de diferentes campañas arqueolóxicas financiadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e o Concello de Cedeira. O máis destacado destas actuacións foi a localización dunha estrutura tipo sauna das denominadas “monumento con forno”, das que se conservan moi poucas en todo o noroeste peninsular.