Nova: A Xunta convoca unha nova edición do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego

13/05/2025
A Xunta convoca unha nova edición do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego
Destínanse preto de 55.000 euros para poñer en marcha tres novos espectáculos de danza e artes do movemento, dous deles de profesionais ou compañías de traxectoria consolidada e o terceiro dunha emerxente
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de publicar a convocatoria da novena edición do seu programa de coproducións no ámbito da danza e as artes do movemento, que desenvolve cada ano a través do Centro Coreográfico Galego. Cunha dotación de preto de 55.000 euros, esta iniciativa impulsará a posta en marcha de tres novos espectáculos, dos que dous serán levados a cabo por profesionais ou compañías consolidadas, cunha actividade de máis de cinco anos, mentres que o terceiro corresponderá a un proxecto artístico emerxente que non supere os cinco anos de traxectoria profesional.
Cada unha das propostas seleccionadas poderá recibir ata preto de 15.000 euros para a súa materialización mediante cadanseu contrato de coprodución coa Axencia Galega das Industrias Culturais, sempre que a achega da Xunta non supere o 80% do orzamento total do proxecto presentado. A súa estrea deberá levarse a cabo en 2026.
As solicitudes poden ser presentadas ata o 28 de maio na sede electrónica da Xunta por persoas autónomas ou compañías dedicadas profesionalmente á produción escénica e que desenvolvan maioritariamente a súa actividade en Galicia. Unha comisión será a encargada de valoralas, de acordo cun baremo de puntuacións que terá en conta tanto criterios técnicos (memoria dos proxectos, a súa relevancia e interese cultural e artístico, e o apoio doutras institucións públicas ou privadas) como automáticos (plan de financiamento, traxectoria profesional e premios).
Ademais e para incidir na calidade das pezas, este ano fíxase a obtención dun mínimo de 18 puntos nos criterios técnicos antes de proceder á valoración dos automáticos, priorizando así mesmo a traxectoria e reducindo a ponderación dos premios.
O obxectivo deste programa do Centro Coreográfico Galego é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno. As coproducións resultantes da última convocatoria, e actualmente en xira por diferentes escenarios dentro e fóra de Galicia, son Mover cenizas, de SóLODOS; Cicatriz, de Kirenia M. Acosta con Antón Reixa, e Transeúnte, de Daniel Rodríguez.