Nova: A Xunta impulsa unha nova edición da Carreira Camiño das Letras para homenaxear ás cantareiras desde o ámbito deportivo

09/05/2025

A Xunta impulsa unha nova edición da Carreira Camiño das Letras para homenaxear ás cantareiras desde o ámbito deportivo

Celebrarase o 17 de maio con dúas rutas principais, unha de 15 quilómetros desde o Pico Sacro e outra de 5 polo Bosque de Galicia

A programación tamén inclúe probas para os cativos na contorna da Cidade da Cultura, con catro categorías por idades

As inscricións están abertas ata o 14 de maio na páxina web da Federación Galega de Atletismo e inclúen como agasallo un libro e un diploma

A iniciativa forma parte da programación das Letras Galegas que inclúe máis de 100 propostas para todos os públicos

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2025

O conselleiro Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou hoxe unha nova edición da Carreira Camiño das Letras, a proba deportiva para festexar a lingua galega na que se combina actividade física, celebración cultural e posta en valor do Camiño de Santiago. Fíxoo nun acto na Cidade da Cultura no que tamén participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. 

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, a iniciativa celebrarase o vindeiro sábado 17 de maio con dúas rutas principais. A primeira delas, de 15 quilómetros de distancia, partirá do Pico Sacro con meta na Cidade da Cultura, mentres que a outra, con 5 quilómetros, fará un percorrido polo Bosque de Galicia. 

“Esta carreira é só unha mostra máis das moitas colaboracións que levamos a cabo no marco das Letras Galegas para homenaxear ás cantareiras desde diferentes manifestacións”, apuntou López Campos. Neste senso, explicou que esta actividade forma parte da programación impulsada desde o Goberno galego en colaboración coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a CRTV e outras entidades públicas e privadas e que inclúe máis de 100 propostas en museos, bibliotecas, arquivos e espazos privados que abranguen desde exposicións, obradoiros ou concertos ata relatorios ou actividades infantís. 

Nesta ocasión, a colaboración faise coa empresa Xurdir e a Federación Galega de Atletismo para ofrecer unha alternativa que é xa un referente, tanto polo seu valor deportivo como pola súa capacidade para asociar o espírito das Letras Galegas aos valores de superación e participación comunitaria.

Dúas probas absolutas e circuítos infantís

Tanto a proba principal como a segunda farán saída ás 10,00 horas, mentres que a partir das 12,00 horas será a quenda da rapazada, que poderá competir en diferentes distancias segundo a súa idade (categorías de sub 6 a sub 16) nun circuíto habilitado na Cidade da Cultura. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo consistente nun libro e o diploma Camiño das Letras, como símbolo da unión entre deporte, lectura e tradición.

As inscricións están abertas ata o mércores 14 de maio ás 23:59 horas na páxina web da Federación Galega de Atletismo, cun custo de entre 2 e 13 euros segundo a modalidade. Os dorsais poderán recollerse o día anterior na sede de Xurdir ou o propio día da proba no Gaiás. Ademais, contarase con servizo de autobuses entre a Cidade da Cultura e o Pico Sacro, gardarroupa, avituallamento, masaxistas e duchas.

A organización repartirá trofeos e lotes de libros ás persoas gañadoras e aos clubs e centros educativos con maior participación, consolidando así o carácter participativo, educativo e simbólico desta carreira única no calendario galego.

Comparte