Nova: Ainé leva aos escenarios con subvención da Xunta o espectáculo musical da serie infantil ‘Bibopalula’

03/05/2025

Ainé leva aos escenarios con subvención da Xunta o espectáculo musical da serie infantil ‘Bibopalula’

Conta cunha das axudas á creación escénica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que acaba de resolver a concesión de 870.000 euros a 25 novos proxectos de teatro, danza e circo

Marta Lado é a autora e directora desta proposta de gran formato, que adapta para as táboas a serie de animación en galego tamén apoiada polo Goberno autonómico

A Coruña, 3 de maio de 2025

A produtora galega Ainé anunciou hoxe na Coruña a estrea o vindeiro 7 de xuño do seu novo espectáculo teatral, Bibopalula, un musical infantil que levará aos escenarios a serie de animación homónima. A Xunta de Galicia, que xa apoiara a produción audiovisual orixinal, achega preto de 42.000 euros a súa adaptación para as táboas a través da convocatoria anual de subvencións á creación escénica, no marco da que acaba de resolver a concesión de 870.000 euros a 25 novos proxectos galegos de teatro, danza e circo.

Así o adiantou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación desta montaxe musical de gran formato, na que interveu xunto cos representantes do equipo e doutras das entidades colaboradoras. Organizado como un evento lúdico aberto ao público familiar, o acto estivo conducido por Xosé A. Touriñán como produtor do proxecto.

Nel tamén tiveron unha relevante presenza os personaxes da serie televisiva, a primeira musical de debuxos en galego, realizada por Undodez cunha das axudas do Goberno galego á produción audiovisual e estreada o pasado mes de novembro en Xabarin.gal, onde en poucos días se converteu no contido máis visto da plataforma.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo esta proposta como exemplo da capacidade da industria cultural galega para xerar sinerxías transmedia que conectan diferentes sectores e redundan moi positivamente na proxección e rendibilidade dos produtos culturais.

Xira galega durante o mes de xuño

No caso de Bibopalula, a súa versión teatral ofrece unha proposta inédita en Galicia, pensada para a cativada de entre 4 e 8 anos, cunha produción de gran formato, musical e con moitas sorpresas en cada unha das funcións programadas ata o momento na Coruña (Teatro Colón, 7 de xuño), Santiago de Compostela (Auditorio Abanca, 8 de xullo), Pontevedra (Auditorio Sede Afundación, 14 de xuño), Vilalba (Auditorio Carmen Estévez Eguiagaray, 15 de xuño), Verín (Auditorio Municipal, 21 de xuño), Vigo (Teatro Afundación, 22 de xuño), Cee (Auditorio Baldomero Cores, 28 de xuño) e Ourense (Auditorio Municipal, 29 de xuño).

Marta Lado dirixe e asina a dramaturxia desta proposta, que supón ademais a primeira incursión no teatro infantil de Ainé. Lidia Veiga, recente Premio María Casares á mellor actriz protagonista, encabeza un elenco do que tamén forman parte Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez nos papeis das personaxes da Banda do Bosque.

O equipo complétase con Martina Cambeiro no deseño de vestiario e o apoio á dirección, Santi Jul e Iván Laxe na musicalización e ambientación sonora, Gonzalo Porteiro no deseño de iluminación, e Laura Mahía e Banale na dirección de arte.

Comparte