Nova: Ficcións e documentais nun ciclo do CGAI sobre a Primeira Guerra Mundial

12/05/2015

Ficcións e documentais nun ciclo do CGAI sobre a Primeira Guerra Mundial

Ofrece desde hoxe e ata o xoves cinco sesións centradas no desenvolvemento do conflito bélico, os seus efectos, a vida cotiá tras a contenda e o cinema español de ficción e documental realizado nese período

A Filmoteca Española e o Culturarts-IVAC seleccionaron os traballos que se exhiben na Coruña entre as máis 740 horas de filme reunidas por 23 entidades homólogas para o programa European Film Gateway, impulsado pola Comisión Europea

A programación do Centro Galego de Artes da Imaxe inclúe a proxección este venres das longametraxes de ficción e documental gañadoras dos Mestre Mateo e a exhibición de ‘Contextualizando a Filgueira Valverde’ na véspera do Día das Letras

A Coruña, 12 de maio 2015.- A Primeira Guerra Mundial é obxecto dun ciclo co que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) abre hoxe na Coruña a carteleira desta semana, na que tamén hai lugar para lembrar os traballos gañadores na pasada edición dos premios Mestre Mateo e para celebrar o Día das Letras Galegas co documental ‘Contextualizando a Filgueira Valverde’.

‘A Primeira Guerra Mundial e o cine: o proxecto EFG1914’ desenvolverase ata o xoves día 14 arredor de cinco sesións, a través das que se amosará unha escolma de películas de ficción e documentais vinculadas á contenda desde moi diferentes perspectivas. Esta selección foi realizada pola Filmoteca Española e o Culturarts-IVAC de Valencia a partir das máis de 740 horas de filme, preto de 3.000 títulos en total, dixitalizadas no marco do proxecto europeo European Film Gateway (EFG) 1914 coa implicación dun total de 23 filmotecas de toda Europa.

A primeira destas sesións (hoxe, ás 20.30 h) abrangue fitas sobre o propio desenvolvemento da guerra, mentres que as dúas seguintes (mércores e xoves, ás 20.30 h) abordan os efectos do conflito bélico e a vida cotiá tras a contenda, respectivamente. As sesións cuarta e quinta (mércores e xoves, 18.00 h) reúnen material español, pertencente á Filmoteca Española e mais ao Culturarts-IVAC, a través do que se ofrece unha mostra do cinema de ficción e documental que se estaba a facer en España neste tráxico contexto europeo.

Noticiario de Dziga Vértov
O público galego terá así a oportunidade de se achegar a un período histórico no que o cinema –aínda un novo medio de expresión– documenta por vez primeira unha guerra a grande escala. A través destas películas compróbase, por exemplo, como as imaxes eran empregadas como ferramentas de propaganda para reforzar os conceptos de superioridade militar e moral sobre o inimigo. Nesta selección inclúense tamén noticiarios de ambos bandos, un deles dirixido polo cineasta ruso Dziga Vértov, así como recompilacións posteriores, reportaxes sobre batallas importantes, o retorno dos exércitos, os hospitais e a vida cotiá posterior.

O ciclo ‘A Primeira Guerra Mundial e o Cine: o proxecto EFG1914’ dará paso a unha xornada centrada nos últimos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, coa proxección o venres 15 dos traballos gañadores nas categorías de mellor documental e mellor longametraxe de ficción: ‘Angrois no esquecemento’ (18.00 h), de Emilio Carral e Susana R. Recouso, e ‘Os fenómenos’ (20.30 h), de Alfonso Zarauza.

Filgueira Valverde
A programación semanal chegará ao seu fin coa presentación do documental ‘Contextualizando a Figueira Valverde’, de Gonzalo E. Veloso, que o Centro Galego de Artes da Imaxe proxectará na véspera do Día das Letras Galegas. Será o sábado 16, ás 18.00 horas. Todas as sesións destas dúas últimas xornadas serán de entrada libre ata completar a capacidade da sala.

A carteleira completa do CGAI-Filmoteca de Galicia pode consultarse no web www.cgai.org.

 

Comparte