Nova: O ESPAZO WRIGHTWOOD 659 DE CHICAGO INCLÚE UNHA OBRA DA FUNDACIÓN CAMILO JOSÉ CELA NA SÚA EXPOSICIÓN

01/05/2025
O ESPAZO WRIGHTWOOD 659 DE CHICAGO INCLÚE UNHA OBRA DA FUNDACIÓN CAMILO JOSÉ CELA NA SÚA EXPOSICIÓN
- A peza ‘Hombre y jóven marinero’ foi un agasallo de Federico García Lorca ao escritor galego, quen a integrou na súa colección persoal
- O cadro xa fora exposto en Nova York no ano 2013, cidade na que foi debuxada por Lorca no 1929, e pertence ao catálogo da Fundación, quen a restaurou recentemente
Chicago (Estados Unidos), 1 de maio de 2025.- A obra Hombre y joven marinero (1929), do poeta e artista Federico García Lorca e pertencente á colección da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, formará parte da exposición internacional The First Homosexuals, que se inaugurará o 2 de maio no prestixioso espazo Wrightwood 659 de Chicago. Trátase dunha mostra que reúne máis de 250 obras que documentan as primeiras representacións artísticas da homosexualidade no panorama internacional posterior a 1869.
A Fundación Camilo José Cela continúa así co seu labor de conservación, difusión e proxección internacional do seu valioso fondo artístico e documental, favorecendo o diálogo cultural arredor dunha das figuras máis senlleiras da literatura e da arte do século XX.
Antes da súa viaxe a Chicago, a peza foi sometida a unha intervención conservadora coordinada pola especialista Sylvia Fernández Bueno, coa finalidade de garantir a súa correcta preservación e presentación pública. O traballo incluíu o reenmarcado da obra cun sistema de conservación actualizado e materiais de calidade museo, incluíndo metacrilato con protección UV.
Esta non é a primeira vez que Hombre y joven marinero participa en grandes exposicións internacionais. En 2013, foi prestada para a mostra Back Tomorrow: A Poet in New York, Federico García Lorca. Nesta ocasión, máis dunha década despois, a obra viaxa á exposición organizada por Alphawood Exhibitions, quen propón unha mirada transversal e transnacional sobre a emerxencia do concepto moderno de sexualidade a través da arte. A inclusión desta obra de Lorca –un debuxo realizado con tinta china e lápices de cor durante a súa estancia en Nova York en 1929– supón un recoñecemento ao valor simbólico e estético da súa produción plástica.
Hombre y joven marinero destaca pola súa complexidade compositiva, carga emocional e tratamento da temática homoerótica, elementos que encaixan na liña conceptual da mostra. A obra foi un agasallo persoal de Lorca a Camilo José Cela, entregado a través dos seus amigos e profesores Ángel del Río e Amelia Agostini, e está custodiada pola Fundación dende hai décadas.