Nova: A Xunta integra o Domus do Mitreo no Sistema Galego de Centros Museísticos

14/04/2025
A Xunta integra o Domus do Mitreo no Sistema Galego de Centros Museísticos
- O Consello aproba a orde de cualificación como museo desta entidade que se atopa na cidade de Lugo e que xestiona a Universidade de Santiago de Compostela
- Trátase dun espazo fundamental para salvagardar a conservación dos obxectos atopados no xacemento arqueolóxico sobre o que se sitúa
- Na actualidade, o sistema de organismos expositivos que xestiona o Goberno galego suma un total de 91 institucións, dos que 22 son coleccións museográficas e un centro de interpretación do patrimonio cultural
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á incorporación da Domus do Mitreo no Sistema Galego de Centros Museísticos da Xunta de Galicia. Trátase dunha entidade xestionada pola Universidade de Santiago e localizada na cidade de Lugo que naceu como museo de sitio e arqueolóxico e que pasa a formar parte da rede da Administración autonómica tras o cumprimento de todos os requisitos esixidos.
Tal e como se establece no acordo avaliado hoxe, a inserción desta entidade fundaméntase no seu papel esencial na salvagarda e conservación dos obxectos atopados no xacemento arqueolóxico sobre o que se sitúa, así como no feito de que se garante a integridade dos bens culturais ao tempo que se compatibiliza a súa conservación coa visita pública.
O espazo adquire aínda máis importancia tendo en conta a relevancia dos dous elementos patrimoniais que custodia: a Domus e o Mitreo. No primeiro deles, que fai referencia a un tipo de casa, documéntase o período romano da cidade de Lugo e amosa aspectos sobre a relación económica co territorio e as súas paisaxes. Así mesmo, conta con estruturas e restos de materiais e elementos que evidencian unha zona termal e a decoración parietal.
Por outra banda, o Mitreo, é un templo dedicado ao deus Mitra. Trátase dun elemento de gran singularidade e relevancia histórica ao tratarse do único, ata o momento, en toda a Península Ibérica que conserva a planta enteira.
Á singularidade deste conxunto súmase que o espazo está situado nun punto de referencia patrimonial da cidade de Lugo no que conflúen a Muralla Romana, construída sobre parte do xacemento, a Catedral de Santa María e o Camiño Primitivo de Santiago de Compostela.
Tras este acordo, a Domus do Mitreo pasará a integrarse no Sistema Galego de Centros Museísticos, do que forman parte na actualidade un total de 91 centros, dos que 68 son museos, 22 son coleccións museográficas e un centro de interpretación do patrimonio cultural. A integración a este organismo da Xunta permitiralle acceder a liñas de axudas públicas, participar en accións formativas de interese para a súa actividade, ter prioridade en accións colaborativas ou en propostas itinerantes promovidas polo Goberno galego, entre outros beneficios.