Nova: A Xunta e a nova dirección da Mostra de Teatro de Ribadavia reúnense para definir o apoio á 41ª edición do certame

07/04/2025
A Xunta e a nova dirección da Mostra de Teatro de Ribadavia reúnense para definir o apoio á 41ª edición do certame
Santiago de Compostela, 7 de abril
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse hoxe co alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil, e coa nova directora artística da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Sabela Mendoza, para abordar a renovación do apoio da Xunta de Galicia á organización do certame, que desenvolverá a súa 41ª edición do 18 ao 26 de xullo baixo o lema Escenas en tránsito.
O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e a directora adxunta da Mostra, Gena Baamonde, participaron tamén nesta xuntanza, na que o novo equipo da mostra avanzoulle ao representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude as principais liñas da programación deste ano, que porá o foco en propostas que exploran a mobilidade entre linguaxes, corpos e territorios. O seu obxectivo é reforzar a identidade do festival como referente cultural e motor para a creación, a diversidade e a pluralidade no ámbito das artes escénicas a través dunha carteleira que combinará coñecidos nomes internacionais, talento galego emerxente e consolidado, coproducións, residencias, premios e actividades paralelas.