Nova: Diálogo cultural entre Galicia e Portugal durante o mes de maio en Lisboa

10/05/2015

Diálogo cultural entre Galicia e Portugal durante o mes de maio en Lisboa

Co gallo da estrea da versión lusa de ‘Saxo tenor’, Cultura programa un ciclo de actividades no Teatro D. Maria II que arrancará na semana das Letras

Recoñecidos especialistas do ámbito cultural de ambos os territorios, as poetas Yolanda Castaño, Eva Veiga, Alba Cid e Maria João Cantinho, xunto cos músicos Xoán Curiel e Sérgio Tannus, participan na iniciativa ‘Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro’

  • Xoan Curiel é un dos artistas galegos no Teatro Dona María II de Lisboa Xoan Curiel é un dos artistas galegos no Teatro Dona María II de Lisboa

Santiago, 10 de maio de 2015.- As culturas galega e portuguesa reforzan os seus lazos cun ciclo de actividades promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, que se desenvolverá ao longo do mes de maio no Teatro Nacional D. Maria II (TNDM II) de Lisboa. ‘Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro’ é o título baixo o que se presenta esta iniciativa, que procura novos puntos de encontro entre as culturas de ambas as beiras do Miño a través da literatura, da música, do audiovisual e mais do teatro.

A programación, que inclúe tres xornadas, arrancará na semana das Letras, o martes 12 de maio, cunha mesa redonda na que recoñecidos especialistas en materia cultural de Portugal e de Galicia reflexionarán sobre as complicidades, relacións e interaccións entre as dúas culturas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo; e o director do ‘Jornal de Letras’, José Carlos Vasconcelos, participarán na mesa ‘Galicia e Portugal, culturas en diálogo’, moderada polo subdirector da Dirección Xeral do Patrimonio de Portugal, Samuel Rego.

Unha viaxe literaria e musical
A literatura e a música tamén tenderán pontes entre Galicia e Portugal. O martes 19 de maio, as letras galegas e portuguesas uniranse no recital poético ‘Voces compartidas’, da man das poetas galegas Yolanda Castaño, Eva Veiga e Alba Cid, xunto coa poeta, crítica literaria e ensaísta portuguesa Maria João Cantinho. Cunha escolma dos seus versos, moitos deles inéditos, as catro poetas convidarán o público a realizar unha viaxe literaria entre Galicia e Portugal.

A continuación, o tránsito polos lazos culturais entre os dous territorios continuará na voz do cantante e compositor Xoán Curiel, un dos valores actuais da música galega. Acompañado polo artista brasileiro Sérgio Tannus, presentará algúns dos temas que formarán parte do seu novo traballo discográfico, ‘Estou lá’. Cancións en galego e portugués creadas en diferentes xiras por países como Brasil, Portugal e Arxentina que falan dos encontros e da necesidade de atravesar fronteiras, así como de xerar pontes artísticas e creativas.

Vidal Bolaño na pantalla
O ciclo, que se desenvolverá en todas as xornadas a partir das 19 horas no Salón Nobre do TNDM II, con entrada libre, enmárcase na estrea da versión lusa da obra de Roberto Vidal Bolaño ‘Saxo tenor’, primeiro título da dramaturxia galega levado ás táboas polo principal teatro público do país veciño, que se poderá ver na capital lusa ata o 24 de maio.

Con este motivo, o dramaturgo galego será o protagonista da sesión de clausura do ciclo, o 26 de maio, na que se proxectará o filme ‘Doentes’, unha fita protagonizada polos actores galegos Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ e por Antonio Durán ‘Morris’, producida no ano 2011 baixo a dirección de Gustavo Balza sobre homónimo de Roberto Vidal Bolaño. Previamente á proxección do filme, o director do Centro Dramático Galego (CDG), Manuel Guede, compartirá co público a súa visión particular sobre as claves e a singularidade da obra de Vidal Bolaño, referente indiscutible no ámbito teatral galego.

A produción de ‘Saxo tenor’ en portugués forma parte do acordo que o TNDM II mantén co CDG para o intercambio de autores fundamentais de ambas as dramaturxias e dentro do que a compañía institucional galega está a representar ‘Xardín suspenso’, de Abel Neves.

Memorando de entendemento
Co mesmo obxectivo de reforzar o intercambio cultural, a Xunta de Galicia e a Rexión Norte de Portugal, a través da Consellería de Cultura, da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial, asinaban o pasado mes de abril un memorando de entendemento para a posta en marcha de diversas iniciativas conxuntas, principalmente nos ámbitos do libro e das bibliotecas.
 

Comparte