Nova: A Mostra (S8) pon o foco no traballo de Ken Jacobs e na vangarda brasileira

06/05/2015

A Mostra (S8) pon o foco no traballo de Ken Jacobs e na vangarda brasileira

O cineasta estadounidense visitará A Coruña con motivo da antoloxía que lle dedica a Mostra de Cinema Periférico, que se desenvolverá do 3 ao 7 de xuño

A gala inaugural terá lugar o 31 de maio no Teatro Colón coa proxección da versión restaurada de ‘El gabinete del Dr. Caligari’, sonorizada en directo pola pianista Eunice Martins

  • A Mostra (S8) pon o foco no traballo de Ken Jacobs e na vangarda brasileira  A Mostra (S8) pon o foco no traballo de Ken Jacobs e na vangarda brasileira
  • Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá
  • Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá
  • Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá Jacobo Sutil na rolda de prensa desta mañá

A Coruña, 6 de maio de 2015.- A (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña avanzou hoxe o programa da súa sexta edición, que se desenvolverá en diferentes espazos da cidade do 3 ao 7 de xuño. O cartel deste ano, que reúne algunhas das voces máis importantes do cine experimental e performativo a nivel internacional, inclúe a visita do artista estadounidense Ken Jacobs e un ciclo sobre a vangarda cinematográfica de Brasil, país convidado nesta nova entrega do evento.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar con este encontro, que é un dos seis festivais audiovisuais subvencionados en 2015 pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e que conta co apoio do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) como unha das sedes das súas proxeccións.

Cine-concerto
As actividades estenderanse tamén a outros catro espazos da cidade: Sede Afundación, Museo de Arte Contemporánea (MAC) Gas Natural Fenosa, Fundación Luis Seoane e Teatro Colón, escenario este último que o 31 de maio acollerá a gala inaugural, coa proxección da versión restaurada de ‘El Gabinete del Dr. Caligari’. Grazas a esta restauración, a obra mestra de Robert Wiene exhibirase por vez primeira en España coa súa metraxe íntegra e cos pigmentos orixinais cos que fora coloreada a man en 1920.

Para esta sesión de cine-concerto arredor da que é considerada como a primeira película de terror da historia e quintaesencia contarase coa música en directo de Eunice Martins, pianista residente no Kino Arsenal berlinés, quen o día anterior impartirá no MAC un obradoiro sobre sonorización no cine para o público máis novo.

O director do festival, Ángel Rueda, adiantou este mediodía os principais eixos temáticos desta sexta edición, que presentou aos medios acompañado dos representantes das principais entidades colaboradoras: Ana Fernández, concelleira de Cultura da Coruña; Jacobo Sutil, director da Agadic; Mariel Padín, vicepresidenta 1ª da Deputación Provincial da Coruña; e Beatriz Aler, responsable da Sede Afundación.

Pola súa banda, o director da Agadic fixo fincapé no seu “recoñecemento á traxectoria e repercusión cultural, económica e social” dos festivais do ámbito audiovisual, e asegurou que “a celebración e continuidade duns eventos dedicados á promoción cinematográfica ben asentados, con calidade e claridade nos seus contidos e con acerto nos seus xeitos de xestión e comunicación, constitúe unha parte importantísima do noso sistema audiovisual, determinante para o propio desenvolvemento do sector á vez que, a través deles, se forma e informa ao público”.

Proxeccións e ‘master class’
Destaca no programa da (S8) a participación do neoiorquino Ken Jacobs, quen viaxará a Galicia con motivo da retrospectiva que lle dedica esta mostra e que lle ofrecerá ao público a oportunidade de se achegar á obra dunha das figuras máis importantes do cinema de vangarda, en activo desde finais dos anos cincuenta do pasado século. Este ciclo, que parte dos seus primeiros traballos para desembocar nos seus experimentos co 3D, completarase con dous filmes ‘performances’ e cunha ‘master class’, programada para o sábado 6 de xuño baixo o sorprendente título ‘Estamos no metro abarrotado e dígolle a Flo “somos ricos!”, quero dicir, en sensacións’. Nesta clase, Jacobs explicará como chegou desde a súa formación pictórica no expresionismo abstracto, como discípulo de Hans Hofman, ao seu traballo cinematrográfico e ao 3D.

A Mostra de Cinema Periférico tamén porá o foco este ano na vangarda brasileira. Así, partindo da beleza da obra ‘Límite’ (1931), de Mário Peixoto, o programa trazará un percorrido polo exuberante cine de Brasil desde a súa perspectiva máis experimental. A obra de mestres como Glauber Rocha e Nelson Pereira dous Santos, líderes do Cinema Novo, ou Rogério Sganzerla comparte cartel neste ciclo con arriscados traballos de produción contemporánea, coa participación do dúo Strangloscope e dos integrantes do colectivo Distruktur, residentes en Alemaña e cofundadores de LaborBerlin.

O programa completo da sección dedicada a Brasil e a imaxe gráfica desta sexta edición serán presentados pola organización o vindeiro 27 de maio.

Comparte