Nova: López Campos anuncia que a Xunta finalizará en abril as obras do Convento da Mercé de Sarria

04/02/2025
López Campos anuncia que a Xunta finalizará en abril as obras do Convento da Mercé de Sarria
Destaca que a actuación dotada con máis de 370.000€ forma parte do compromiso do Goberno galego coa “conservación e posta en valor da nosa riqueza patrimonial”
A intervención está dirixida a resolver os problemas de humidade, a acondicionar os espazos e a mellorar as instalacións eléctrica e de iluminación
Ao longo do ano 2024, a Consellería de Cultura impulsou máis de 100 intervencións de restauración en máis de 80 bens repartidos por todo o territorio
Sarria (Lugo), 4 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia concluirá no vindeiro mes de abril os traballos de restauración do Convento da Mercé ou Mosteiro da Magdalena de Sarria que contan cun investimento de máis de 370.000€. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita ás obras na que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Así, o responsable de Cultura do Executivo autonómico lembrou que esta actuación forma parte do compromiso do Goberno galego coa “conservación do patrimonio cultural”. “Na Xunta de Galicia somos conscientes do enorme valor que posúe o noso patrimonio e por iso somos a administración máis comprometida con esta tarefa”, destacou López Campos antes de sinalar que, só no pasado ano, se impulsaron máis de 100 intervencións de restauración en máis de 80 bens repartidos por todo o territorio.
“En Galicia contamos cunha gran riqueza que debemos manter e conservar para que sexa legada ás futuras xeracións nas mellores condicións”, afirmou o conselleiro. Neste senso, precisou que o traballo da Administración galega fai especial fincapé nos “monumentos que, como é o caso do Convento da Mercé de Sarria, podemos atopar ao pé das diferentes rutas de peregrinación”.
Tal e como explicou José López Campos, as obras que se están levando a cabo en Sarria, e que se prevé que estean rematadas no mes de abril, van dirixidas a resolver os problemas de deterioro da tarima causados pola entrada de auga, así como a mellorar a instalación eléctrica e de iluminación do ben. Para iso, os traballos comezaron na sancristía coa eliminación das humidades, a substitución da escaleira que unía coa planta alta e o acondicionamento do espazo sobre esta como lugar expositivo e de almacén de pezas históricas.
Ademais, o proxecto tamén inclúe o picado dos morteiros de cemento, tanto na planta baixa como na sancristía, a eliminación de elementos descontextualizados o acondicionamento do espazo sobre o refectorio para usos culturais e relixiosos mediante a renovación da iluminación e das fiestras.
Por último, na zona do patio, está previsto a renovación das carpinterías exteriores, a reforma da escaleira e a instalación dun novo sistema eléctrico e de iluminación acorde co espazo monumental.