Nova: A Xunta clausura ‘Unha vida viquinga’ como unha das exposicións internacionais máis exitosas do Museo Centro Gaiás tras superar as 60.000 visitas
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
09/01/2025
A Xunta clausura ‘Unha vida viquinga’ como unha das exposicións internacionais máis exitosas do Museo Centro Gaiás tras superar as 60.000 visitas
Cunha media de 400 persoas ao día, a mostra sitúase xunto a ‘Faraón. Rei de Exipto’ e ‘Galicia, un relato no mundo’ entre as de maior público da Cidade da Cultura
O pulo desta proposta, sumado ao de ‘Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum’ e de ‘Tattoo. Arte baixo a pel’, explica que o Gaiás despida 2024 como o ano con máis participantes no seu programa cultural
Realizada en colaboración con museos nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca e Francia, a exposición avanza na consolidación do Gaiás como gran centro de Galicia para proxectos expositivos internacionais
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude clausurou o pasado domingo Unha vida viquinga. A exposición, organizada en colaboración con museos nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España, pecha as súas portas como unha das mostras internacionais organizadas polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura con mellor acollida por parte do público, tras recibir 60.123 visitas.
Esta mostra, que afondaba na cultura viquinga e tamén na súa pegada en Galicia, é responsable, xunto ás exposicións Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum e Tattoo. Arte baixo a pel, de que a Cidade da Cultura despida 2024 coa cifra máis alta de participantes no seu programa cultural, con máis de 246.000 persoas, un incremento dun 30 % respecto ao ano anterior. Deste xeito, cunha media diaria de 400 visitantes, Unha vida viquinga sitúase, xunto a Faraón. Rei de Exipto e a Galicia, un relato no mundo, entre as exposicións da Cidade da Cultura cun maior número de afluencia. O elevado interese que suscitou entre o público levou a reforzar a oferta de visitas comentadas: en total, 9.294 persoas participaron nalgunha das 392 quendas ofrecidas de balde polo Servizo de Educación do Museo Centro Gaiás.
O atractivo desta proposta fixo tamén que a mostra se convertese nunha das máis solicitadas polos centros escolares, con 1.771 alumnos e alumnas participantes na oferta de visitas didácticas, esgotándose xa en novembro as quendas dispoñibles para reservas de grupos de estudantes.
Unha cultura máis inclusiva e accesible
En liña cos obxectivos da nova Lei de Cultura inclusiva e accesible, Unha vida viquinga ofreceu a oportunidade de incorporar ao Museo Gaiás ferramentas para favorecer a accesibilidade; por exemplo, a través dunha audioguía en formato de aplicación para dispositivos móbiles onde se explicaba a exposición en lingua de signos e con contidos en tres idiomas. De feito, colectivos como a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia organizaron visitas para experimentala.
O desenvolvemento desta aplicación encádrase dentro das medidas promovidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para traballar por unha cultura máis inclusiva e accesible en Galicia. Nesta liña, na Cidade da Cultura estanse a promover iniciativas como o emprego de mochilas con vibración que permiten mellorar a experiencia musical de persoas xordas ou con perda auditiva, que se utilizaron xa de xeito piloto no concerto central do Día da Música no Gaiás, ou a realización, en datas puntuais, de visitas guiadas ás exposicións na modalidade de lingua de signos.
O proxecto do Galiverso no corazón da pedra é outra das propostas para achegar o patrimonio cultural a toda a cidadanía dun xeito universal e inclusivo, permitindo entrar sen risco, da man da realidade virtual, en espazos inaccesibles como a cova de Eirós, cos seus gravados e pinturas rupestres, e nalgunhas das salas máis espectaculares da cova do Rei Cintolo. A instalación incorpora tamén auriculares de vía ósea e de bucle magnético para que as persoas con dispositivos de audición poidan escoitar as instrucións coa mellor experiencia posible.
Tamén en consonancia cunha cultura máis inclusiva e accesible, a Fundación Cidade da Cultura está a traballar nun amplo abano de medidas encamiñadas a facer do Gaiás unha referencia de equipamento cultural público aberto a todos os colectivos.
Exposición para rachar con clixés
Comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos, Irene García Losquiño, a exposición non só permitiu divulgar a presenza e a relación da cultura viquinga con Galicia e co resto da Península Ibérica, senón que representou unha proposta que pretendía rachar con clixés que adoitan presentar unha visión limitada da cultura viquinga, baseada nos estereotipos de violencia e masculinidade.
O relato artellado pola comisaria, en colaboración cun comité científico que contou con algúns dos académicos máis relevantes no eido da cultura viquinga, chamou a atención de grupos de investigación de diferentes universidades, así como de prestixiosos medios especializados, como a revista Historia National Geographic, que realizou unha visita especial á mostra dentro de seu programa de experiencias para persoas subscritoras.
Coa organización de exposicións como Unha vida viquinga, Tesouros Reais ou Tattoo. Arte baixo a pel, a Cidade da Cultura avanza no seu obxectivo de converterse na institución de Galicia coa capacidade para acoller grandes proxectos internacionais, relacionándose con algúns dos museos e centros culturais con maior prestixio de Europa.