Nova: Encontro de profesionais do audiovisual galego co director do Festival de Cine de Donosti

03/05/2015

Encontro de profesionais do audiovisual galego co director do Festival de Cine de Donosti

A xornada, que se enmarca no programa formativo Galicia ProFilme, terá lugar o próximo mércores 6 de maio na sede do CGAI na Coruña

José Luis Rebordinos ofrecerá unha charla-coloquio sobre as claves e oportunidades que brinda o certame donostiarra e manterá reunións individuais cos interesados

Santiago, 3 de maio de 2015.- O director do Festival Internacional de Cine de Donosti, José Luis Rebordinos, manterá o próximo mércores 6 de maio un encontro con profesionais do sector audiovisual galego, aos que lles trasladará as claves e as oportunidades de promoción e de relación que lles ofrece o certame donostiarra, máis alá da presenza na carteleira artística.

A sesión, que terá lugar ás 10.00 horas na Coruña, na sede do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe, enmárcase no programa formativo Galicia ProFilme, organizado pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o fomento da formación continua nos distintos aspectos que inciden na produción e comercialización audiovisual.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, será o encargado de presentar a xornada e o seu protagonista, José Luis Rebordinos, director desde 2011 do Festival de Donosti, o máis importante de cantos se celebran en España e un dos máis destacados do circuíto internacional, homologable ás citas de Cannes, Venecia ou Berlín.

Na primeira parte da mañá, Rebordinos explicará as seccións competitivas e non competitivas nas que se estrutura o festival (Sección Oficial, Nuevos Directores, Horizontes Latinos, Perlas ou Zabaltegui, entre outras), ás que cada ano poden acceder longametraxes inéditas. Centrarase tamén nas posibilidades profesionais do evento promovidas desde ‘The Industry Club’, o departamento no que todos os acreditados poden concretar reunións, visionar películas e organizar actividades dirixidas a impulsar a participación e cooperación en novos proxectos, así como a abrir novas vías de financiamento e promoción internacionais. Ademais, desde 2012 o Festival alberga o Foro de Coprodución Europa-América Latina, destinado a proxectos en desenvolvemento que poden presentarse en sesións de ‘pitching’ e beneficiarse dunha axenda personalizada de citas con posibles promotores.

Despois da charla-coloquio, a partir das 12.00 horas, o director do Festival de Cine de Donosti manterá reunións individuais cos asistentes que o soliciten para abordar cuestións e propostas concretas. Estas xuntanzas particularizadas formalízanse previa reserva de cita.

Traxectoria dedicada ao cine
Licenciado en Pedagoxía Especial, José Luis Rebordinos leva sendo director da Unidade de Cine de Donostia Kultura durante os últimos 22 anos. Tamén foi director durante 21 anos da Semana de Cine Fantástico e de Terror e durante oito, do Festival de Cine e Dereitos Humanos de Donosti. Dirixe a colección de libros Nosferatu e é coautor de diferentes volumes sobre cineastas vascos (Elías Querejeta, Montxo Armendáriz, Antxon Eceiza, Julio Medem, Javier Aguirresarobe...), así como sobre cine asiático (Shinya Tsukamoto) e outros temas. Antes de pasar a ocupar o cargo de director do Festival de Cine de Donosti o 1 de xaneiro de 2011, formou parte do seu Comité de Dirección durante 15 anos.

A entrada a esta nova entrega de Galicia ProFilme será libre ata completar a capacidade da sala, aínda que se prega confirmación de asistencia no correo electrónico: audiovisual.agadic@xunta.es.
 

Comparte