Nova: López Campos erixe a mostra ‘Las Edades del Hombre’ como “un dos fitos culturais do ano en Galicia” tras recibir 125.000 visitantes en cinco meses

29/11/2024

López Campos erixe a mostra ‘Las Edades del Hombre’ como “un dos fitos culturais do ano en Galicia” tras recibir 125.000 visitantes en cinco meses

O titular de Cultura da Xunta atribuíu o alto interese acadado pola exposición ao gran valor das 170 obras de arte sacra e os “dous escenarios únicos” onde puideron ser vistas

O Goberno galego colaborou coa Fundación Las Edades del Hombre na celebración deste XXVII edición desta mostra, que tivo sede compartida con Villafranca del Bierzo

Durante cinco meses permitiu gozar de pezas de artistas de renome, como Juan de Juni, Luis Salvador Carmona, Bartolomé Esteban Murillo ou Alonso Berruguete

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a mostra Las edades del hombre. Hospitalitas en Santiago de Compostela “como un dos fitos culturais do ano en Galicia”, tal e como considerou que confirman os 125.000 visitante recibidos durante os seus cinco meses de apertura ao público. Fíxoo no acto de clausura desta exposición que, desde o pasado 19 xuño, tivo como escenarios á catedral e ao mosteiro de San Martiño Pinario. Ambos os dous enclaves compartiron sede con Villafranca del Bierzo, en Castela e León.

O titular de Cultura da Xunta atribuíu este “alto interese” ao “gran valor das 170 obras de arte sacra que puideron admirarse durante todo este tempo na capital de Galicia”. Así, apuntou a pezas de artistas de renome como Murillo Salvador Carmona ou Berruguete. Ademais, engadiu que o éxito da mostra tamén residiu nos “dous escenarios únicos” nos que foron exhibidas, en referencia “ás xoias arquitectónicas e artísticas, que representan a catedral de Santiago e a igrexa de San Martiño Pinario”.

López Campos gabou a iniciativa de que este ciclo expositivo itinerante se decidise por celebrar a súa vixésima sétima edición contando por vez primeira cunha dobre sede compartida con Villafranca del Bierzo, nos espazos da igrexa de Santiago e a colexiata de Santa María.

Ao respecto, o conselleiro salientou que tanto Santiago de Compostela como Villafranca del Bierzo supoñen “importantes lugares simbólicos”, xa que remarcou que están unidos por un patrimonio con “vencellos fraternais” a través do Camiño de Santiago. 

Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor a colaboración para esta mostra coa prestixiosa Fundación Las Edades del Hombre, que encadrou dentro das accións que tanto desde Galicia como desde Castela e León se levan a cabo para preservar e difundir o patrimonio cultural, ao que enxalzou como “elemento clave na configuración da identidade dos pobos” e fixo fincapé no feito da irmandade que supón para ambas as dúas autonomías formar parte da Ruta Xacobea. Neste senso, incidiu no factor dinamizador que supón na economía dun territorio contar cun rico patrimonio cultural, á vez que o interese e atractivo turístico que esperta.

Colaboración da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia colaborou coa Fundación Las Edades del Hombre na celebración da edición desta mostra, que a longo dos seus 26 anos de historia ten sido exhibida en diferentes territorios, como Bélxica e Os Estados Unidos, entre outros, acadando 12 millóns de visitantes; cun total de 5.228 pezas de arte e a restauración doutras 2.000.

O comisariado da exposición na capital galega estivo integrado polo director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, Daniel Lorenzo, e o director técnico-conservador do Museo desta mesma catedral, Ramón Yzquierdo.

Unhas 170 pezas de gran valor na arte sacra

A cripta do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago e o mosteiro de San Martiño Pinario acolleron durante estes cincos meses unhas 170 obras provenientes das diocese de Galicia e Castela e León, así como de museos nacionais e rexionais, galerías e colecciones privadas, tamén de procedencia estranxeira.

As persoas visitantes á exposición puideron desfrutar das obras de arte sacra da autoría de grandes artistas do patrimonio español como son Juan de Juni, Luis Salvador Carmona, Bartolomé Esteban Murillo, Gregorio Fernández, Alonso Berruguete o Alejo de Vahía, que compartiron espazo con outras pezas contemporáneas e instalacións inmersivas e experiencias de realidade virtual.

‘Hospitalitas’

Las edades del hombre viaxou a finais de xuño a Compostela cun proxecto centrado na hospitalidade, reflectindo a importancia que no Camiño de Santiago este valor e que, por tanto, se incorpora para esta edición ao título da mostra. 

O fío condutor baseouse nas palabras do Libro V do Códice Calixtino, a primeira guía do Camiño, nas que se refire á hospitalidade, caridade, acollida e solidariedade. Estes termos están recollidos no Scripotrium compostelán impulsado polo Arcebispo Xelmírez que continúan a ter vixencia no ámbito das peregrinacións a Compostela.

Comparte