Nova: O Centro Dramático Galego avanza nos proxectos en común coa escena portuguesa na estrea do clásico de Gil Vicente ‘Frágua de amor’
13/11/2024
O Centro Dramático Galego avanza nos proxectos en común coa escena portuguesa na estrea do clásico de Gil Vicente ‘Frágua de amor’
Coproducido coa compañía Escola da Noite, o grupo de música antiga O Bando de Surunyo e outras catro estruturas lusas, o espectáculo preséntase mañá xoves en Coímbra
Chegará ao Salón Teatro de Santiago de Compostela o 10 de xaneiro de 2025 e representarase tamén en Évora e Porto
A actriz Mónica Camaño e o músico Xurxo Varela forman parte do elenco da peza, que conta con António Augusto Barros á fronte da dirección
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024
O Centro Dramático Galego participa na estrea de mañá en Coímbra de Frágua de amor, a última das novas coproducións previstas para este outono e impulsadas durante este 2024, coincidindo coa celebración 40º aniversario da compañía pública. Na liña de internacionalización que leva desenvolvendo a unidade teatral da Xunta nos últimos anos, a montaxe da peza deste clásico da literatura portuguesa verá a luz no Teatro Académico de Gil Vicente (TAGV), onde permanecerá en cartel ata o sábado día 16.
Frágua de amor, de Gil Vicente, está coproducida polo Centro Dramático Galego xunto a seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, O Bando de Surunyo, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.
A peza está dirixida por António Augusto Barros e conta coa música en directo de O Bando de Surunyo, especializado na interpretación de obras dos séculos XVI e XVII, con seis voces, laúde, viola de gamba, frauta e percusión baixo a dirección musical de Hugo Sanches e co galego Xurxo Varela á viola. Sobre o escenario actuará un elenco de nove actores e actrices: Ana Teresa Santos, Carlos Meireles, Igor Lebreaud, Maria Quintelas, Miguel Magalhães, Nuno Meireles, Sérgio Ramos e a galega Mónica Camaño.
Festa e reivindicación
A posta en escena do texto, escrito en 1524 para celebrar o casamento de João III con Catarina de Habsburgo, consegue, a través da escenografía e da música, o ambiente de festa imaxinado por Gil Vicente. Non obstante, tamén lanza miradas críticas aos temas habituais do autor: a igrexa, a xustiza corrupta e a fidalguía improdutiva que aspira a beneficios.
Tras a estrea en Coímbra, o espectáculo Frágua de amor comezará unha xira que o levará os días 29 e 30 de novembro ao Teatro García de Resende en Évora e, xa en 2025, ao Salón Teatro de Santiago de Compostela o 10 de xaneiro e ao Teatro Nacional São João de Porto do 15 ao 18 de xaneiro.
Unión do teatro galego e portugués
Nos últimos anos a unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa ten colaborado con estruturas públicas e compañías portuguesas dentro do seu obxectivo de servir de ponte entre profesionais das dúas beiras do Miño. Así, en novembro de 2023 produciu xunto co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa e o Teatro Nacional São João de Porto Manuela Rey Is In Da House. A comezos do outono viron a luz as coproducións Territórios de liberdade, coa compañía galega Tanxarina Títeres e a portuguesa Varazim Teatro, e Entrepalav-bras, da galega ButacaZero en alianza coa lusa TEatroensaio.
Dentro desta cooperación enmárcanse tamén os traballos desenvolvidos ao abeiro do proxecto europeo Nós/Nous, que impulsa a promoción profesional e a internacionalización do alumnado de arte dramática ao final da súa carreira académica e que posibilitou as recentes montaxes de Na hora dos cans e Ifixenia.