Nova: A Xunta apoia a Semana de cine euroárabe Amal que amosará cinco filmes en prol da visibilidade cultural

15/10/2024

A Xunta apoia a Semana de cine euroárabe Amal que amosará cinco filmes en prol da visibilidade cultural

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da vixésimo segunda edición desa cita que se celebra do 21 ao 25 de outubro

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, presentaron esta mañá a Semana de Cine Euroárabe do Festival Internacional Euroárabe Amal 2024. A Xunta de Galicia apoia esta vixésimo segunda edición da cita, que amosará media decena de filmes en prol do intercambio cultural.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a ampla traxectoria desta cita audiovisual xa consolidada, así como a aposta pola convivencia e o achegamento entre Oriente e Occidente. Deste xeito destacou que esta celebración “aposta por achegar á cidadanía unha oferta cultural plural e descentralizada, cunha ampla selección de películas”, destacou.

Neste senso, tamén fixo fincapé na “gran oportunidade que supón esta cita para poder proxectar en Galicia filmes que non se atopan nos circuítos máis comerciais das salas da nosa Comunidade”. O director xeral de Cultura puxo en valor o longo percorrido do Aamal no fomento dunha cultura de convivencia, respecto e tolerancia. “Este festival leva máis de dúas décadas divulgando a mensaxe de paz que nestes días cobra gran importancia”, puntualizou.

Do 21 ao 25 de outubro, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá a vixésimo segunda edición desta cita, baixo o lema Existir é resistir. Ao longo da semana, o público poderá gozar de filmes como The teacher, da directora nomeada aos Óscar  e gañadora do BAFTA, Farah Nabulsi; Insahallah Wallad, estreada mundialmente no Festival de Cannes de 2023 e primeira longametraxe do xordano Amjad Al Rasheddd; To a land unknow, do cineasta palestino Mahdi Fleifel, multipremiado con galardóns como o Premio da Paz da Berlinae, e The Old Oak, do prestixioso director británico Ken Loach que conta con varias filmacións premiadas internacionalmente, nas que predominan os temas sociais e políticos.

No eido do cinema documental estará a proxección da cineasta e actriz franco-palestina-alxerina Lina Soualem, Bye Bye Tiberias, filme elixido para representar a Palestina nos Óscar de 2024.

 

Comparte