Nova: Anxo M. Lorenzo gaba a traxectoria do fotógrafo Manuel Outumuro na mostra ‘O anxo que nunca fun’
18/09/2024
Anxo M. Lorenzo gaba a traxectoria do fotógrafo Manuel Outumuro na mostra ‘O anxo que nunca fun’
Enmarcada no Ourense Film Festival, a exposición poderase visitar no centro cultural Marcos Valcárcel ata o cinco de xaneiro
Cunha ampla variedade de instantáneas que percorren a infancia do autor na súa vila natal, A Merca, tamén reúne as lembranzas da súa traxectoria profesional
O director xeral de Cultura destaca a viaxe introspectiva pola Galicia rural e a influencia nos seus traballos posteriores
Ourense, 18 de setembro 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo asistiu hoxe ao acto de inauguración da mostra O anxo que nunca fun do fotógrafo ourensán Manuel Outumuro que se enmarca no Ourense Film Festival. Trátase dunha cita na que destacou a traxectoria profesional do artista, con máis de 30 anos de intensa produción fotográfica e numerosos recoñecementos, como o premio Ourensanía en 2022.
Na exposición, que estará ata o 5 de xaneiro no centro cultural Marcos Valcárcel, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a importancia de “promover actividades culturais en espazos que sirvan de altofalante para artistas da nosa Comunidade”. Ademais, tamén puxo en valor o Ourense Film Festival, co que colabora a Xunta, que se celebrará dende o 27 de setembro ata o 6 de outubro e ao que se referiu como “un dos grandes encontros para o sector audiovisual galego”.
Na mostra amósase unha ampla variedade de instantáneas que percorren a infancia do autor na súa vila natal, A Merca, e onde tamén se reúnen as lembranzas da súa traxectoria profesional. Tal e como destacou o director xeral de Cultura, “a través das súas fotografías, Outumuro fai unha viaxe introspectiva pola Galicia rural a cal influenciou notablemente os seus traballos posteriores”.
Esta recompilación agrupa anos de produción fotográfica a través dunha óptica intimista, que se divide en dúas partes Lembranzas e Escolma. A primeira reúne os recordos íntimos da súa infancia e a segunda é unha colección con máis dun cento de imaxes do seu arquivo que pertencen a encargos profesionais para medios de comunicación, editoriais e catálogos de moda.