Nova: A Xunta e a Deputación convidan a redescubrir a beleza da Vía da Prata ao paso por Ourense a través da ollada de grandes nomes da fotografía clásica e actual

18/06/2024

A Xunta e a Deputación convidan a redescubrir a beleza da Vía da Prata ao paso por Ourense a través da ollada de grandes nomes da fotografía clásica e actual

A Vía da Prata. Aires do Sur reúne un cento de imaxes capturadas por referentes da fotografía do último século e medio, desde Nicolás Muller, Otto Wunderlich ou Jean Laurent a Ana Turbau, Carmenchu Alemán ou Cristina García Rodero

O conselleiro de Cultura, José López Campos, presenta a mostra como unha oportunidade para gozar “da riqueza paisaxística e monumental da ruta xacobea que une Sevilla con Santiago de Compostela”

Ourense, as súas vilas, paisaxes e tradicións, ocupan un lugar protagonista na escolma que nos achega a artistas clásicos da provincia, como José Suárez, e contemporáneos, como Tere Fernández, Antón Buciños, Brais Lorenzo ou Miguel Muñiz

Comisariada por Lucía Laín, poderá visitarse de balde ata o 1 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Ourense, 18 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe en Ourense a exposición A Vía da Prata. Aires do Sur, unha mostra que reivindica o patrimonio cultural e histórico do Camiño desde Sevilla a Santiago de Compostela cunha presenza moi relevante das terras da provincia de Ourense, retratadas da man de ata 30 fotógrafas e fotógrafos clásicos e contemporáneos. A exposición reúne 92 imaxes e constrúe un relato evocador de experiencias capturadas nas que o visitante se sitúa, de maneira intencionada, no punto de vista do peregrino.

A mostra chega a Ourense organizada pola Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación de Ourense. Logo de deixar o Museo Centro Gaiás, onde se estreou en 2022, pasou por Cáceres en xaneiro de 2023. Nese tempo visitárona máis de 18.700 persoas. Estas itinerancias enmárcase no obxectivo da Cidade da Cultura de levar a programación do Gaiás a centros culturais de toda a comunidade. No acto de inauguración, o conselleiro de Cultura estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e a comisaria da mostra, Lucía Laín.

Fotógrafos ourensáns

López Campos destacou A Vía da Prata. Aires do Sur como unha forma de coñecer “a riqueza paisaxística e monumental da ruta xacobea que une Sevilla con Santiago de Compostela”, así como a vida cotiá de localidades de Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia. Tamén puxo en valor a “importante presenza de fotógrafos e fotógrafas ourensáns”, desde a eminente figura de José Suárez ata coñecidos artistas contemporáneos como Tere Fernández, Antón Buciños e os fotoxornalistas Brais Lorenzo e Miguel Muñiz. Das 92 imaxes que compoñen a mostra, un total de 27 representan lugares, monumentos, tradicións ou paisaxes da provincia.

Entre as instantáneas clásicas atopamos imaxes tomadas na capital ourensá polo recoñecido fotógrafo documental Nicolás Muller, nas que retratou a mediados do século pasado os mercados nas rúas, as lavandeiras nas Burgas, a catedral ou a paisaxe da ponte romana sobre o Miño. O entroido en Vilariño de Conso, Verín e Laza, coa farrapada, o enfariñado ou o xogo da lardeira, adquire tamén protagonismo nas imaxes capturadas por Ana Turbau, Miguel Muñiz, Carmenchu Alemán ou Cristina García Rodero (Premio Nacional de Fotografía 1996). Fotografías que saltan entre o século XX e o XXI para dar conta da vixencia dunhas tradicións enraizadas como parte da identidade ourensá.

Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense afirmou que realizar o Camiño a través deste itinerario é “unha das mellores maneiras para mergullarse na riqueza patrimonial, gastronómica, enoturística, cultural e histórica da provincia”. Menor destacou o traballo realizado pola institución provincial a prol da promoción e difusión desta ruta xacobea, entendéndoa como “unha aposta polo territorio por ser unha oferta turística vertebradora e de gran importancia histórica, que ademais serve como canle de difusión da nosa tradición e cultura”.

Diversidade e interrelación cultural

A Vía da Prata. Aires do Sur é o segundo volume dunha serie expositiva que se adentra nas rutas xacobeas a través da ollada fotográfica. A primeira entrega foi O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, que foi visitada por máis de 32.000 persoas nas súas itinerancias pola Cidade da Cultura, o Museo do Mar de Galicia en Vigo e a Sala Municipal de Exposicións no Concello de Tui. Esta segunda mostra, comisariada tamén pola historiadora, guionista e documentalista Lucía Laín, reflexiona sobre a diversidade e a interrelación entre tradicións e culturas, sobre a soidade, a distancia e o paso do tempo cunha ollada que vai desde o presente cara ao pasado.

Desde Sevilla a Santiago de Compostela, a exposición propón un percorrido a través de 150 anos de historia da fotografía. Unha coidada selección de obras de grandes fotógrafos clásicos como Jean Laurent, Nicolás Muller, José Suárez ou Otto Wunderlich, que se suceden nun interesante diálogo coas olladas do presente de fotógrafas e fotógrafos contemporáneos que afondan na realidade de pequenas localidades, algunhas aínda descoñecidas e outras cada vez máis transitadas, para captar as miradas e os costumes das súas xentes. Forman parte da mostra imaxes de coñecidos artistas contemporáneos como Carmenchu Alemán, Vicente López Tofiño, Fernando Manso ou os Premios Nacionais de Fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto, entre outros.

A mostra pode visitarse, de balde, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, de luns a venres de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 horas. Os sábados, domingos e festivos, así como no mes de agosto, o horario é de 11:00 a 14:00 h.

Comparte