Nova: Curso no Centro Coreográfico Galego sobre a investigación da danza no ámbito académico

20/04/2015

Curso no Centro Coreográfico Galego sobre a investigación da danza no ámbito académico

Ana Abad Carlés, autora de Historia del ballet y de la danza moderna, achegaralles aos asistentes metodoloxías e fontes para afondar no estudo desta arte partindo do propio feito coreográfico

  • Portada do libro 'Historia del ballet y la danza moderna', de Ana Abad Carlés Portada do libro 'Historia del ballet y la danza moderna', de Ana Abad Carlés

A Coruña, 20 de abril de 2015.- O Centro Coreográfico Galego (CCG) desenvolve desde esta mañá un novo curso do seu programa formativo, que desta volta conta coa profesora Ana Abad Carlés para afondar no ámbito da investigación da danza desde unha perspectiva académica. Ao encontro, que se estenderá ata o vindeiro venres na sede coruñesa do CCG, asiste un total de 16 alumnos, a meirande parte deles profesionais do ensino en diferentes conservatorios, escolas e centros educativos galegos.

Profesional da danza cunha ampla experiencia nas áreas de investigación académica, dirección de proxectos, coreografía e políticas artísticas e educativas, Abad Carlés ofreceralles aos participantes unha visión da “investigación da danza desde a propia danza”. Deste xeito e partindo do feito coreográfico, proporá diferentes metodoloxías, así como fontes coreográficas ou afíns, co obxectivo de dar resposta ás posibles dúbidas á hora de realizar traballos de investigación no ámbito dos estudos superiores de danza, graos e mesmo masters.

A autora do libro ‘Historia del ballet y de la danza moderna’, publicado por Alianza Editorial, é integrante do Núcleo de Estudios Antropológicos sobre Danza, Movimiento y Sociedad do IDAES (Instituto de Altos Estudios Sociales) de Bos Aires, ademais de ter colaborado con numerosos conservatorios e universidades de prestixio internacional. Na actualidade, compaxina o seu labor como coreógrafa co de investigadora e conferenciante especializada en historia da danza.

Relatorio no Consello da Cultura Galega
De feito, coincidindo coa súa estadía na Coruña, este xoves 23 Ana Abad Carlés desprazarase á sede do Consello da Cultura Galega en Compostela para impartir o relatorio ‘Escavando túneles: A danza nos albores do século XXI’. Esta conferencia, que dará comezo ás 17.00 horas, enmárcase no programa de ‘O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), seminario multidisciplinar que o Consello vén organizando desde 2007 coa participación de destacados pensadores a nivel internacional.

O curso de investigación na danza forma parte do programa formativo que o centro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver durante 2015 e dentro do que tamén se insire un novo encontro arredor da técnica clásica con Lázaro Carreño, quen foi primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba durante tres décadas.

O Centro Coreográfico Galego manterá aberto ata o vindeiro 30 de abril o prazo de inscrición nesta actividade, para a que ofrece diferentes posibilidades de matrícula: mes completo (80 euros), encontro semanal (25 euros) e clases soltas (10 euros). Dirixido especificamente a profesores e estudantes de nivel medio e avanzado, as sesións co mestre cubano desenvolveranse de luns a venres do 4 ao 29 de maio, en horario de 10.00 a 12.00 horas.

Máis información sobre o proceso de solicitude nos webs do Centro Coreográfico Galego (www.centrocoreografico.org) e da Agadic (www.agadic.info).

Comparte