Nova: Os traballos impulsados pola Xunta na catedral de Santiago sacan á luz unha ventá románica

21/05/2024

Os traballos impulsados pola Xunta na catedral de Santiago sacan á luz unha ventá románica

O conselleiro de Cultura, José López Campos, visita as obras de restauración que se están levando a cabo tanto na capela do Salvador como de San Bartolomé

As intervencións, feitas en colaboración coa Fundación Catedral, recibiron un investimento de 250.000 € no marco do Plan Catedrais, a folla de ruta dotada con 38 M€ para actuar nos grandes templos galegos

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia na Catedral de Santiago e feitos en colaboración coa Fundación Catedral sacaron á luz unha ventá románica na capela do Salvador. Así o comprobou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita co arcebispo Francisco José Prieto e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, ás  obras de restauración que se están levando a cabo tanto neste espazo como na capela de San Bartolomé.

Tal e como explicaron os técnicos na visita, a ventá románica atopábase detrás do retablo e quedou accesible tras a súa desmontaxe no proceso de restauración. Ademais, as actuacións que se están levando a cabo nestes espazos, incluídas no convenio de colaboración coa Fundación Catedral, están permitindo recuperar as pinturas murais e os relevos pétreos e supoñen, no seu conxunto, un investimento de 250.000 €.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura puxo en valor a importancia da colaboración con entidades como a Fundación Catedral para levar a cabo actuacións tan complexas como estas que garanten que “un dos maiores tesouros de todos os galegos sexa legado as vindeiras xeracións nas mellores condicións” ademais de ampliar o coñecemento que temos sobre este monumento.

Nesta mesma liña, o conselleiro lembrou “o firme compromiso que o Goberno galego mantén desde o ano 2009 coa conservación desta basílica” na que, co apoio da Xunta de Galicia, leváronse a cabo distintas intervencións nas fachadas, torres ou cubertas. Trátase dun compromiso que, tal e como salientou, continúa vixente co Plan Catedrais de Galicia, a folla de ruta dotada con 38 M€ para actuar nos grandes templos galegos co horizonte de 2027.

No marco deste plan, ademais das intervencións que están en marcha nas capelas absidais do Salvador e San Bartolomé, tamén está previsto destinar, este 2024, 350.000 € para a posta en valor da capela do Cristo de Burgos, intervencións que abranguen a fachada ao patio de Xelmírez e o proxecto de restauración do interior da capela.

Comparte