Nova: Comeza con todas as prazas cubertas o curso para profesionais das artes escénicas promovido pola Xunta para profesionais do sector

09/04/2024

Comeza con todas as prazas cubertas o curso para profesionais das artes escénicas promovido pola Xunta para profesionais do sector

Un total de 60 persoas participan nas sete sesións organizadas pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, que articulan a formación presencial e en liña

O equipo docente está integrado por 23 profesionais de recoñecida solvencia nos ámbitos do teatro e da danza

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024

O Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta mañá a apertura oficial do curso Deseño de Programacións de Artes Escénicas, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia a través da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). Trátase dunha formación gratuíta con certificado de aproveitamento, cunha duración total de 42 horas repartidas en sete sesións e na que participarán, ata o 21 de maio, sesenta profesionais que completaron todas as prazas ofertadas.

A alta demanda desta actividade fundamenta a idoneidade da súa posta en marcha para cubrir un baleiro formativo e mellorar a oferta das artes escénicas en Galicia. Neste sentido, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, referiuse ao éxito desta convocatoria, que vén a confirmarse como o resultado do diálogo permanente co sector, neste caso para responder ás necesidades formativas que demanda o colectivo de profesionais con responsabilidades neste ámbito cultural. O director explicou que as solicitudes recibidas superaron as expectativas e deixan unha lista de agarda de medio cento de persoas que poden abrir no futuro outras oportunidades de colaboración.

Acompañado por Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC e director do curso, Sutil destacou o alto grao de experiencia do cadro docente, xa que os 23 perfís seleccionados para impartir os contidos están avalados por unha sólida traxectoria e combina profesionais de longa traxectoria con referentes máis recentes que achegan novos enfoques.

Participantes con acreditada experiencia

Nesta primeira xornada do curso, centrada en abordar as artes escénicas como sistema, participarán, en sesións de mañá e tarde, o autor e ex director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, o dramaturgo e presidente de Escena Galega, Santiago Cortegoso, a coreógrafa Paula Quintas, o crítico Afonso Becerra, e o xestor cultural e o xerente de Escena Galega, Diego Vázquez Meizoso, que trazarán unha completa panorámica do funcionamento do sector na actualidade. Ademais, Marta Alonso, Carmen Castro, Nacho Fungueiriño, Gonçalo Guerreiro, Patricia Hermida, Inma López Silva, Carlos Lorenzo, Kirenia Martínez, Fefa Noia, Fran Núñez, Belén Pichel, Pilar Portela, Fran Rei, Paulo Rodríguez, Miguel Soto, María Torres, Artur Trillo e Manuel Vieites completan a relación dos 23 docentes desta formación, que remata o 21 de maio.

Os contidos do itinerario formativo abranguen un amplo abano de temas e recursos útiles sobre estratexias de programación, modelos de produción e financiamento, aspectos normativos ou achegamento aos materiais técnicos nos espectáculos. Tamén a historia das artes escénicas en Galicia, o seu impacto sociocultural, o papel dos premios e da crítica, ou as particularidades do teatro infantil.

Ademais de dotar de ferramentas e recursos ás persoas matriculadas, o curso Deseño de Programacións de Artes Escénicas quere ser un espazo no que abordar novos modelos de produción e exhibición de espectáculos así como fomentar a conexión co público.

Comparte