Nova: Xunta e Agapi poñen en marcha a segunda edición do roteiro ‘Educa Audiovisual’ nos centros de secundaria galegos

05/04/2024

Xunta e Agapi poñen en marcha a segunda edición do roteiro ‘Educa Audiovisual’ nos centros de secundaria galegos

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conta coa Asociación de Produtoras Independentes para reeditar esta iniciativa, que pon a disposición dos institutos un catálogo de 14 filmes e series para traballar como complemento aos contidos curriculares

Durante a primeira quincena de abril terán lugar as primeiras sete sesións dun programa que se desenvolverá ata xuño en aulas das catro provincias

As proxeccións irán acompañadas de coloquios con profesionais do sector para afondar nos contidos e desenvolver o espírito crítico do alumnado

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2024

A Xunta de Galicia lanza este mes a segunda edición do programa pedagóxico Educa Audiovisual para a difusión de producións galegas e en lingua galega entre o alumnado de Educación Secundaria. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades desenvolve esta iniciativa coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), que pon a disposición dos centros un catálogo de 14 títulos que se complementan con coloquios nos que profesionais do sector contextualizan e comentan as proxeccións na aula.

O roteiro, que percorrerá as catro provincias galegas ata o mes de xuño, arranca este luns 8 de abril no Instituto IES 12 de Outubro de Ourense coa proxección da peza documental Os camiños do neno labrego, sobre a que falará o seu produtor, Simone Saibene, de Noveolas Producciones. Pola súa banda, Elas, produtoras executivas, realizada pola propia Agapi, chegará o mércores 10 aos institutos IES de Curtis (A Coruña), presentada por Marta Eiriz, de Danga Danga, e IES Ánxel Fole de Lugo, coa participación de Adriana P. Villanueva, de Illa Bufarda.

Ao día seguinte, os institutos Valle Inclán e Frei Martín Sarmiento de Pontevedra poderán ver as curtametraxes Crianza e As ondas, da produtora Sétima, que serán comentadas pola súa xefa de produción, Silvia Fuentes, quen fixo parte do equipo da laureada O corno.

Pechan esta primeira quincena do ciclo dúas sesións programadas o luns 15 de abril nos institutos IES Castelao de Vigo, de novo coa presentación de Elas, produtoras executiva a cargo de Marta Eiriz, e IES Xelmírez de Santiago de Compostela, onde o director do documental Por vir, Eloy Domínguez Serén, compartirá co alumnado a súa experiencia á fronte desta produción de Zeitun Films.

Reflexión e espírito crítico

O catálogo dixital de Educa Audiovisual inclúe filmes, series, curtas e videogramas, a través dos que se abordan moi diferentes temáticas co fin de que poidan ser empregados como material de traballo na aula en distintas materias curriculares. O empoderamento feminino, a identidade, o patrimonio ou a lingua son algúns dos focos arredor dos que orbitan as 14 obras, sempre desde unha óptica actual e accesible, que mestura a linguaxe documental e as técnicas fílmicas de vangarda. O obxectivo é proporcionarlle ao profesorado unha nova ferramenta para lles achegar coñecemento aos seus estudantes a partir de contido audiovisual de calidade e en galego.

 Cada unha das fichas dos traballos desta escolma sintetiza a súa temática e a súa sinopse, ademais de facilitar os enlaces para a súa proxección na clase. A maiores deste uso libre do catálogo, Educa Audiovisual ofrécelles aos centros a posibilidade de acceder aos coloquios a través dos que se busca enriquecer esta experiencia facilitando o contacto do alumnado cos profesionais do sector, ao tempo que se favorece a reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico.

Ademais dos títulos xa mencionados, figuran no catálogo a serie documental 225 Km/24 h., de Miramemira; A dobraxe en galego, un modelo de normalización, de Recrea Films con dirección de Chema Gagino; A mestra de escola, de Alba Prol e produción de Meteórica Cine; Ahí ven o Maio, sobre o primeiro disco homónimo de Luis Emilio Batallán, de Tamboura Films; Mourelle de la Rúa. O último gran descubridor, de Chema Gagino e Amalia Mato; a serie de pezas documentais O camiño das estrelas, de Tamboura; Repartidores do rural, de Miramemira; Tesouros somerxidos, de Tex45, e Videogramas. A propósito de Compostela, de Numax.

Comparte