Nova: A nova edición do Ciclo de Música Barcia de Mera programará oito concertos entre abril e setembro

04/04/2024

A nova edición do Ciclo de Música Barcia de Mera programará oito concertos entre abril e setembro

O director xeral de Cultura participa na presentación da XVI edición desta iniciativa coa que colabora a Xunta de Galicia e na que se mestura música e patrimonio no rural 

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 4 de abril de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da XVI edición do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, onde remarcou “a importancia desta iniciativa na que se realiza unha mestura perfecta de patrimonio e música, achegando a cultura aos entornos rurais”. 

O programa, que volve contar co apoio da Xunta de Galicia, desenvolverase do 27 de abril ao 14 de setembro cun total de oito concertos que se celebrarán na igrexa barroca de San Martiño de Barcia de Mera, no concello de Covelo, conxunto recoñecido o ano pasado como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.

O primeiro concerto correrá a cargo de Vox Stellae. O 25 de maio será a quenda do grupo Ars Longa, mentres que o 15 de xuño de Ensemble Orphelion. En xullo, a primeira das citas será o día 6 da man de Judith Jauregui e o día 20 actuarán Beatriz Díaz, Jose Luis Bieito, Camilo García e Maife Gil. Xa en agosto, con dúas citas, encherán de música a Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera o Grupo Fua o día 15 e Cancellos o día 31. O concerto de clausura desta XVI edición do ciclo será o 14 de setembro con Camerata OSG. Todos os concertos están programados para as 20,00 horas.

Comparte