Nova: A Xunta pon en valor o Día da poesía e o Día das Árbores nun acto no que conviven cultura e natureza

21/03/2024

A Xunta pon en valor o Día da poesía e o Día das Árbores nun acto no que conviven cultura e natureza

O director xeral de Cultura e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participan na Celebración da auga, a árbore e a poesía na Ínsua dos Poetas do Carballiño

O Carballiño (Ourense), 21 de marzo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participaron hoxe no acto Celebración da auga, a árbore e a poesía na Ínsua dos Poetas do Carballiño, co gallo do Día da Poesía e o Día das Árbores.

Alumnado de numerosos centros da comarca de O Carballiño, así como o estudantado do Colexio CEIP Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar asistiron hoxe como convidados a este espazo cultural marcado pola natureza, a música e a poesía. No acto tamén estiveron os colexios Nosa Señora de Xuvencos de Boborás, Calvo Sotelo, CEIP Beariz, CEIP Maside, plurilingüe Vila do Arenteiro, Sagrado Corazón do Carballiño, Virxe da Saleta de Cea, e dos institutos nº1 e Chamoso Lamas do Carballiño.

O director xeral de Cultura, tras poñer en valor a actuación que realizaron os participantes neste acto onde, fixo entrega de libros para conmemorar esta efeméride. Tamén quixo recordar a aposta do Goberno galego pola cultura a través do Plan Xeración Cultura, co que se busca ampliar a proxección da cultura, con citas como a celebrada hoxe na Ínsua dos Poetas.  

Pola súa banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, remarcou o compromiso da Xunta coa celebración desta efeméride ao longo de toda Galicia -entregando, como no caso deste acto, plantas de frondosas autóctonas procedentes dos viveiros xestionados pola Xunta-, destacando a importancia de concienciar á sociedade e de xestionar adecuadamente os bosques para asegurar a súa conservación, protección e uso sostible. 

Neste sentido, salientou os froitos dos traballos realizados polo Goberno galego a prol da ordenación do monte galego -xa son máis de 550.000 hectáreas ordenadas, superando nun 45% o obxectivo marcado no Plan Forestal de Galicia-, unha labor estratéxica que favorece o aproveitamento socioeconómico deste recurso e a prevención dos incendios forestais. Ademais, Chan celebrou o espazo cultural e forestal da Ínsua dos Poetas, e destacou a importancia de seguir colaborando na súa posta en valor. 

Comparte