Nova: A Xunta remata a restauración da Igrexa de San Miguel de Riofrío en Mondariz

17/03/2024

A Xunta remata a restauración da Igrexa de San Miguel de Riofrío en Mondariz

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, visita o resultado dos traballos executados polo Goberno galego ao abeiro dun convenio coa Diocese de Tui-Vigo

Mondariz (Pontevedra), 17 de marzo de 2024

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, visitou hoxe o resultado das obras executadas pola Xunta de Galicia na igrexa parroquial de San Miguel de Riofrío, en Mondariz, ao abeiro do acordo de colaboración coa Diocese de Tui-Vigo para a conservación e o mantemento do patrimonio eclesiástico de Galicia.

A representante da Consellería de Cultura destacou que esta igrexa parroquial forma parte dun conxunto de bens, “espallados por todo o territorio”, que funcionan como elementos de cohesión social e orgullo contribúen ao seu desenvolvemento. Trátase, tal e como engadiu, da “herdanza do pobo de Mondariz, polo que o noso deber é conservar este legado para as xeracións futuras”.

No caso de San Miguel de Riofrío, o Goberno Galego vén de renovar a cuberta da igrexa cun investimento de máis de 30.000€. As obras realizadas incluíron a retirada da tella antiga para instalar un novo sistema de illamento e a colocación de nova tella cerámica sobre rastreis metálicos. Ademais da cuberta, os traballos leváronse a cabo tamén nos cumios e na zona do campanario.

Esta intervención enmárcase na colaboración levada a cabo entre o Goberno galego e as dioceses galegas co fin de impulsar pequenas actuacións de conservación en mantemento en igrexas parroquiais da súa titularidade que forman parte do patrimonio cultural de Galicia e que este ano permitirá a mellora dunha ducia de igrexas en Manzaneda, Xove, Agolada, Palas de Rei, Samos, Sober, Calvos de Randín, Verín, Maside, A Coruña, Outes e Salvaterra de Miño.

Comparte