Nova: Román Rodríguez comproba as obras de rehabilitación das cubertas do Antigo Hospital de San Roque, en Santiago, cun investimento de 345.000€ da Xunta

09/03/2024

Román Rodríguez comproba as obras de rehabilitación das cubertas do Antigo Hospital de San Roque, en Santiago, cun investimento de 345.000€ da Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións explica que o obxectivo é resolver as afeccións deste ben patrimonial catalogado

A previsión é que os traballos, que abranguen a substitución da cuberta, impermeabilización e reparación de elementos pétreos, estean concluídos este verán

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Antigo Hospital de San Roque, en Santiago de Compostela, para comprobar o avance das obras de rehabilitación da cuberta do edificio que está acometendo a Xunta de Galicia cun investimento de 345.000 euros.

O titular de Cultura do Goberno galego salientou que, pese a que as condicións meteorolóxicas incidiron na planificación dos traballos, estes continúan avanzando co previsión de que estean concluídos no mes de xullo.

Román Rodríguez salientou a importancia desta actuación, que se iniciou o pasado outubro, para garantir a integridade deste edificio que destaca polo seu valor patrimonial. De feito, ten a consideración de ben catalogado ao estar incluído no catálogo do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.

O obxectivo da actuación é resolver patoloxías derivadas do estado da cuberta. Así, solucionaranse os problemas de estanquidade provocados polo mal estado dos elementos de suxeición das tellas, pola rotura de placas de fibrocemento e polo deterioro ou ausencia de impermeabilización nalgunhas zonas. Ademais, tamén se vai actuar nos elementos de pedra asociados á cuberta que están en mal estado.

Para iso, os traballos abranguen a substitución da cuberta por unha nova de tella sobre fibrocemento, a correcta impermeabilización e a reparación dos elementos de pedra asociados a esta parte da estrutura.

Preto de 600.000€ investidos

Esta intervención dá continuidade á realizada no ano 2021 para reparar e restaurar a fachada do antigo Hospital de San Roque por arredor de 217.000€. Nesa ocasión, as obras centráronse en solucionar os problemas de humidade, resolver as deficiencias nos elementos de evacuación das augas pluviais e instalar novos elementos como canais e baixantes de cobre. Contando coa actuación agora en marcha, o investimento total da Xunta neste edificio elévase a preto de 600.000 euros desde 2019.

O antigo Hospital de San Roque é a sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Instituto Padre Sarmiento, do Centro Ramón Piñeiro e da Academia de Farmacia de Galicia. A súa traza foi deseñada polo mestre de obra da Igrexa Maior de Santiago, Gaspar de Arce, e as obras déronse por rematadas no ano 1585. No Pazo se realizan actividades culturais de moi diversa natureza que o converten nun centro de acción cultural de referencia da Xunta no casco histórico de Santiago de Compostela.

Comparte