Nova: A Xunta destaca a contribución de Claudio Rodríguez Fer á literatura galega contemporánea na entrega do Cunqueiriano de Honra 2024

28/02/2024

A Xunta destaca a contribución de Claudio Rodríguez Fer á literatura galega contemporánea na entrega do Cunqueiriano de Honra 2024

O secretario xeral de Política Lingüística participa na entrega da oitava edición desta distinción ao poeta, narrador e investigador lucense

O acto enmárcase nas accións impulsadas polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro para conmemorar o 43º aniversario do pasamento do autor

 

Mondoñedo (Lugo), 28 de febreiro de 2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe nos actos que o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, co apoio da Xunta de Galicia, organizaron para conmemorar o cuadraxésimo terceiro aniversario do pasamento do escritor mindoniense, autor de clásicos como Merlín e familia ou Escola de menciñeiros.

Como cada ano, a celebración, na que tamén participaron o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, así como outras autoridades locais e provinciais, comezou cunha ofrenda floral no cemiterio vello ante a tumba de Cunqueiro. De aí, a comitiva trasladouse ao salón de plenos do concello, onde tivo lugar a entrega da oitava edición do Cunqueiriano de Honra ao poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta e investigador Claudio Rodríguez Fer.

O poeta lucense foi elixido por unanimidade pola comisión designada para o efecto en recoñecemento ao seu labor na visibilización e proxección da figura do autor mindoniense, pero tamén “pola súa contribución á literatura e poesía en lingua galegas contemporáneas, da cal é un dos seus maiores expoñentes e exportadores”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Coa designación de Claudio Rodríguez Fer como Cunqueiriano de Honra de 2024 -que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo-, o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes, Rexina Vega, César Antonio Molina ou Manuel Lourenzo, entre outros.

Sobre o galardoado

Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) é un dos máis destacados poetas da literatura galega do último medio século, ademais de narrador, dramaturgo e ensaísta e un dos máis recoñecidos galicianistas e hispanistas do noso tempo. Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e codirixe a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesor. Exerceu tamén a docencia en universidades de Nova York, París e Bretaña (pola que foi nomeado Doutor Honoris Causa) e coordina os cadernos Unión Libre.

Arredor de Cunqueiro e a súa obra, é autor de ensaios onde analiza en profundidade a figura do escritor d’ As crónicas do Sochantre, como Álvaro Cunqueiro en Ortigueira (2011) ou Borges e Cunqueiro (2021). Ao escritor mindoniense tenlle dedicado tamén amplos estudos nos seus libros Poesía galega (1989) e Acometida atlántica (1996). Así mesmo, dirixiu o Congreso Álvaro Cunqueiro e a Cultura Europea (1991) e conferenciou sobre o mindoniense en infinidade de congresos e xornadas por todo o mundo.

Comparte